Condenan a 10 anos de prisión un veciño de Bueu por violar a súa filla menor de idade
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra celebrou este xoves a porta pechada o xuízo contra Francisco Javier P.F., por un delito continuado de abusos sexuais e un delito continuado de utilización de menores de idade para elaborar material pornográfico.
O acusado recoñeceu os abusos sexuais a súa filla aceptando unha condena de 10 anos de prisión e prohibición de aproximarse a menos de 100 metros de calquera lugar onde se encontre a filla, así como manter contacto ou comunicación con ela, durante dez anos. Ademais, despois de saír de prisión, estará en liberdade vixiada por espazo de cinco anos.
A Fiscalía retirou a acusación por un delito continuado de utilización de menores de idade para elaborar material pornográfico.
O tribunal considera probado que no ano 2006, o acusado, a súa única filla nacida no ano 1993 e a nai desta, se trasladaron dende Bueu (Pontevedra) á localidade de Alcora (Castellón).
Cando a nena tiña 13 anos comezou a sometela a actos de natureza sexual
Mentres a familia residía nesa poboación, Francisco Javier, "aproveitando a autoridade e influencia que como pai exercía" e "movido polo desexo de satisfacer a súa atracción sexual cara a ela", cando a nena tiña 13 anos comezou a sometela a actos de natureza sexual. Sempre cando a nai estaba ausente do domicilio.
No ano 2009, como non parecía integrarse ben en Alcora, a familia decidiu que a nena regresase a Bueu onde pasou a residir en compañía da súa avoa materna. A partir de entón o acusado aproveitaba os períodos de vacacións do Nadal e de verán "para continuar realizando coa súa filla os actos sexuais".
A Fiscalía sostiña que o acusado, que ten antecedentes cancelados e non computables nesta causa, se comunicaba coa nena por teléfono e por Internet, solicitándolle que lle enviase vídeos e fotos de carácter sexual.
O acusado desenvolveu este comportamento ata o Nadal de 2011. Foi en maio de 2012, grazas á axuda dos seus docentes e tras empezar terapia psicolóxica que se decidiu a interpoñer denuncia contra o seu pai. Por esta acusación que durante o xuízo foi retiraba, pedira 7 anos de prisión.