Ao 'multamóbil' só lle faltan "detalliños" para entrar en funcionamento
Por Redacción
A concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, indicou este mediodía que ao vehículo 'multamóbil' só lle faltan "detalliños" para que poida entrar en funcionamento, pero non quixo dar unha data aproximada sobre cando comezará a estar operativo polas rúas de Pontevedra.
Carme da Silva apuntou que se está a conectar o coche, que dende o goberno local se denomina 'ollomóbil', co servizo da Policía Local a través do sistema informático e despois se desenvolverá un período de prácticas para que os axentes locais se adapten a este novo vehículo. Ademais poñerase en marcha un protocolo de actuación para que se determinen os procedementos de intervención.
A concelleira avanzou que na memoria da Policía Local, que se presentará nos próximos días, se poderá comprobar que as sancións están a diminuír en Pontevedra ata o punto de que se rexistraron 3.000 multas menos en 2013 que en 2012. Da Silva relaciona este descenso coa adaptación dos condutores ao modelo de cidade e "ao respectuosa que é esta sociedade con todo o público".
A responsable de Seguridade Cidadá insistiu en que o obxectivo do 'ollomóbil' é facilitar o traballo da Policía Local para o cumprimento das súas obrigas ao igual que se realiza coa central de pantallas. "Non temos présa porque entre en funcionamento" apuntou engadindo que o obxectivo é detectar incumprimentos graves como, por exemplo, no uso de prazas de persoas con mobilidade reducida ou nos casos de condutores que aparcan nas beirarrúas ou en pasos de peóns.