Así funciona o "multamóbil"
Por Oskar Viéitez
Nuns días completarase o proceso de formación dos axentes municipais e será entón cando o multamóbil empece a funcionar polas rúas de Pontevedra.
O coche, un Toyota Aygo, rotulado cos distintivos da Policía Local é doadamente identificable.
O multamóbil conta con cámaras capaces de cubrir todo o frontal e o lateral que len as matrículas, un GPS cun detallado plano da cidade, e unha pantalla táctil que permite ao axente ir fotografando os vehículos infractores e rexistrar a localización exacta do coche.
Ao longo destas semanas de probas perfeccionouse o sistema de seguridade para evitar infraccións por casos xustificados. ÿ dicir, se un vehículo está mal estacionado por algún tipo de emerxencia non será multado, para iso, os axentes en moitos casos pasarán por unha mesma zona dúas veces para realizar comprobacións.
O equipo está preparado para obter imaxe visible e infravermella, de forma que pode operar de día e de noite, e conta cun software de lectura automática de matrículas. Tamén está preparado para utilizar comunicacións usando redes de telefonía móbil ou vía wi-fi.
O multamóbil fai fotos aos coches mal aparcados, pero tamén pode servir para detectar vehículos roubados ou que non teñen seguro, e mesmo vale para facer un seguimento de ordes de afastamento grazas ao seu GPS. Pode facer as fotos a unha velocidade de 30 km/h.
No goberno local insístese en que o obxectivo deste vehículo "non é poñer multas" senón controlar os estacionamentos de servizo e temporais para favorecer a rotación dos vehículos.