A diversificación de mercadorías, punto forte para potenciar o porto de Marín no futuro
Por Natalia Puga
Un dos elementos diferenciadores do porto de Marín é a súa actividade diversificada, que impulsa o tráfico de mercadorías agroalimentarias, pero tamén a comercialización da pasta de papel que produce ENCE ou a distribuición de aeroxeradores e compoñentes do sector eólico. O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, destacou este luns este trazo diferencial e incidiu en que será clave no futuro das instalacións portuarias.
Conde considérao un "valor engadido" e que tanto a Xunta coma a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra deben traballar nesta dirección, consolidala e "a partir de aí, crecer".
O conselleiro avanzou que "seguiremos a reforzar ese elemento de diversificación" para garantir o futuro e, para iso, a Xunta traballará co presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, e os empresarios que operan nas instalacións.
Este martes produciuse unha reunión de traballo entre todos os actores implicados na que, ademais, estaba previsto identificar posibilidades de colaboración de cara a potenciar a postura do porto como eixe vertebrador da economía da comarca.
Previamente, o conselleiro visitou as instalacións portuarias, con especial atención á terminal cuberta que xestiona a empersa Ceferino Nogueira, a única operativa nun porto de España que ten como tráficos principais a pasta de papel que exporta Ence a distintos destinos europeos e a importación doutras mercadorías delicadas como bobinas de chapa de aceiro.
Suárez Costa invitou o conselleiro para que coñeza unhas instalacións nas que traballan 2.200 persoas en empresas de distintos ramos, que recibe preto de preto de 900 buques mercantes cada ano e move máis de 1,8 millóns de toneladas.
Tras un primeiro achegamento ao que ofrece o porto, Conde destacou que segue traballando para consolidar o seu posicionamento, con especial interese ao tráfico marítimo que supoñerá a nova canle de Panamá e explicou que "está adaptando as súas infraestruturas aos buques post panamax, co obxectivo de incrementar a súa actividade unha vez que finalice a ampliación do propio Canal de Panamá".
Ademais, destacou as posibilidades do sistema portuario galego na internacionalización das empresas e a economía da comunidade. "Os nosos portos xogan un papel clave no impulso da actividade económica, da actividade industrial, e do posicionamento internacional das nosas empresas", sinalou.