O buque Frio Pacific estrea as descargas no Peirao Comercial Oeste do Porto de Marín
Por Redacción
O Frio Pacific, consignado por Suflernosa Consignaciones S.L, é o primeiro buque que atraca no Peirao Comercial Oeste do Porto de Marín, neste caso para realizar unha descarga de pesca conxelada. Trátase dun barco de 146 metros de eslora e 18 de manga que deixa nas súas instalacións 1.330 toneladas de produto conxelado.
Nas últimas semanas intensificouse a actividade de descarga e almacenamento de pesca conxelada nos diferentes frigoríficos do Porto de Marín coas operacións de varios buques que faenan en diversos caladoiros.
A pasada semana descargou 1.650 toneladas o buque Cassiopea, e neste momento están a descargar 2.250 toneladas os buques Igueldo e Baffin Bay, ambos os dous pertencentes á frota de Marfrío. Ademais, para os próximos días dous buques portacolectores atracarán nas instalacións portuarias co obxecto de descargar pesca conxelada en colector.
Marín é un importante centro loxístico de recepción e procesado de pesca conxelada, cunha capacidade global de almacenamento frigorífico que supera os 230.000 metros cúbicos e varias plantas de tratamento e elaboración.