As cubertas do Pavillón Municipal dos Deportes xa están recuperadas dos danos do 'Dirk'
Por Redacción
Os ximnasios e a pista cuberta de atletismo do primeiro piso do Pavillón Municipal dos Deportes están operativos dende hai algunhas semanas para a práctica deportiva. Substituíronse todos os elementos danados pola sarabia a finais do pasado mes de decembro a través dun investimento de 50.075 euros.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, visitou durante a mañá deste venres 2 de maio as obras de emerxencia que se acometera na cuberta, acompañado polos técnicos municipais e da empresa 'Ediserpo'.
As cubertas foron completamente reparadas despois de que a sarabia abrise ocos que, por culpa das fortes chuvias daqueles días, facían imposible a utilización desta parte das instalacións.
O peche forzoso, segundo o concelleiro, foi minimizado coa contratación das obras que afectaron a catro ximnasios, situados nas esquinas do Pavillón, xunto coa pista de atletismo de 60 metros.
As obras consistiron no levantamento das pranchas danadas pola sarabia e a súa substitución por paneis translúcidos, de policarbonato, polo que os ximnasios gañaron luminosidade. Tamén se impermeabilizaron os caneiros e seláronse as xuntas. Substituíronse as lámpadas e colocáronse cinco novas luminarias led en cada un dos ximnasios.