'Noites abertas' despídese da súa XV edición enchendo de festa a praza de Curros Enríquez
Por Diego Torrado
O programa 'Noites Abertas' chegou ao remate da súa XV edición e festexouno cun acto aberto a toda a cidadanía na praza de Curros Enríquez. A festa final puxo fin a unha intensa programación con 117 actividades programadas dirixidas a persoas menores de 30 anos e implicou a centos de persoas a partir das 17.00 horas ata entrada a noite.
O grupo 'Hey' foi o encargado de abrir a festa cunha actuación musical, pero a celebración coa que 'Noites Abertas' se despide ata o próximo ano foi máis ca música. Danza contemporánea, exhibición canina, exhibición de rúa, malabares e hoollahop animaron tamén a praza de Curros Enríquez, actividades que se foron intercalando con actuacións do grupo 'Green Envy', dun coro moderno (actividade que se desenvolveu en 'Noites Abertas') e 'La 4pared', grupo gañador do premio do público no festival Fest do local de música.
Un flash mob no medio da praza sorprendeu ás persoas que se implicaron na celebración, todo nunha tarde na que a partir das 17.00 horas se fixo un lipdub que se organizou, gravou e montou ao longo dunha festa á que o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, convidou a todos os pontevedreses a ver e participar nas actividades.
Paralelamente, proxectouse no Mercantil un vídeo montado con máis de 1.500 imaxes de todos estes 15 anos de 'Noites Abertas', e na praza de Ourense continuou (e seguirá nos vindeiros días) a exposición sobre a historia deste programa en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Xuventude explica o funcionamento de Noites Abertas a 1.500 estudantes de instituto
Por Redacción |
-
Empezan a xestarse as actividades da nova edición de Noites Abertas
Por Redacción |
-
A próxima edición de 'Noites abertas' explotará as redes sociais
Por Redacción |
-
Noites Abertas despídese este sábado cunha festa final en Curros Enríquez
Por Redacción |
-
A praza de Ourense estrea unha sala de exposicións a ceo aberto
Por Oskar Viéitez |
-
'Overbooking' nas actividades de Noites Abertas 2014
Por Redacción |