Pontevedra protagoniza un seminario monográfico en Roma
Por Redacción
Un grupo de especialistas relacionados co proxecto "A Cidade dos Nenos", do Instituto Italiano da ciencia e a tecnoloxía do coñecemento, que dirixe Francesco Tonucci, converteu a experiencia de Pontevedra en protagonista dun seminario monográfico sobre mobilidade infantil, que derivou nunha sesión sobre a mobilidade das cidades europeas, e a necesidade de promover unha diminución do número de coches en circulación.
Segundo informan desde o equipo de comunicación do Concello, foi o propio Tonucci quen na introdución cualificou a Pontevedra como a primeira cidade do mundo que levou á práctica a filosofía de mobilidade que permite aos nenos participar con autonomía na socialización, convertendo á cidade en exemplo educador de primeira orde.
Tras presentar o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o Intendente Principal da Policía Local, Daniel Macenlle, os participantes puideron ver en principio un vídeo sobre Pontevedra, para introducirse no espazo xeográfico do que falarían durante a mañá.
A experiencia pontevedresa "aconteceu como consecuencia de cambiar a prioridade entre o coche e o peón, unha teoría que vimos anos reclamando, pero que resulta a primeira vez que alguén con valentía a pon en práctica", dixo o prestixioso pedagogo italiano.
Na sesión participan durante toda a mañá diversos técnicos municipais dos distintos municipios que conforman a cidade de Roma, así como outras persoas chegadas de Turín e Xénova. Precisamente unha concelleira desta cidade mediterránea de 500.000 habitantes que estaba entre o público, tras felicitar o alcalde, preguntou retoricamente a Daniel Macenlle se estaba libre para traballar con eles, para máis tarde dicirlle que un dos problemas máis grandes que teñen os políticos italianos para aplicar este tipo de políticas son as resistencias de certo funcionarios públicos.
A cuestión do tamaño das cidades para acometer plans deste tipo tamén protagonizou parte do tempo da exposición pontevedresa, e como sempre Lores defendeu que a humanización das cidades grandes debe facerse por distritos.