O Concello deberá pagar ao persoal laboral unha parte da paga extra suprimida polo Goberno en 2012
Por Redacción
O Concello de Pontevedra deberá aboar a 50 traballadores a porcentaxe da paga extra de decembro do ano 2012 relativo a 44 días. Trátase do tempo transcorrido entre o 1 de xuño e o 14 de xullo, día en que se aprobou o decreto do Goberno estatal polo que se eliminaba este complemento extraordinario de Nadal.
Unha sentenza do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra dá a razón aos sindicatos CC.OO., CIG, UGT e CSIF na demanda presentada fronte ao Concello e declara o dereito dos traballadores que integran o persoal laboral do equipo municipal (50 persoas) a cobrar esa porcentaxe da paga. O Concello non recorrerá e mesmo irá máis alá e estudarase facer extensiva a resolución a todo o persoal municipal.
A paga extraordinaria de Nadal supón un complemento aos traballadores relativo ao período 1 xuño - 31 de decembro e no ano 2012 o Goberno ditou un decreto polo que se anulaba, pero o aprobou o 14 de xullo. Xa transcorreran 44 días nos que os traballadores acudiron ao seu posto de traballo e a sentenza recoñece que acumularon dereito a percibir a paga extra.
A sentenza recolle que o importe que debe cobrar cada traballador se calculará tendo en conta o número de días traballados no devandito período sobre o total de días do ano. Recibida a resolución, o voceiro do Goberno local, Raimundo González, indicou que agora comezará un proceso de negociación cos representantes dos traballadores para estipular como se dará cumprimento a esta.
A resolución do Xulgado do Social afecta ao persoal laboral, pero non ao funcionariado nin aos empregados dos organismos autónomos municipais. Ao respecto, fontes municipais explicaron que cando o Concello se sente a negociar cos sindicatos sobre como aplicar esta sentenza e estudar co persoal laboral como pagar o que estipula a sentenza, tamén se abordará tamén a situación relativa ao resto dos traballadores e aos funcionarios.
Tanto os sindicatos coma traballadores a título individual presentaron outras demandas fronte ao Concello na mesma liña na que acaba de gañar o persoal laboral, para reclamar a extra proporcional a eses 44 días. Á vista de que existen esas demandas pendentes, a negociación que se abra cos sindicatos irá encamiñada a pactar o pagamento do diñeiro reclamado a todos os traballadores.
Relacionadas:
-
Pagarán a todos os funcionarios municipais parte da extra que o Goberno lles retirou en 2012
Por Redacción |
-
O personal laboral da Deputación percibirá na nómina de maio parte da extra suprimida en 2012
Por Redacción |
-
O Estado recorre a sentenza que avalou a paga de productividade do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os funcionarios municipais de Pontevedra poderían cobrar ata tres veces a extra de decembro
Por Oskar Viéitez |