O atracador de seis supermercados confesa ante o xuíz
Por Natalia Puga
Entre agosto e setembro de 2013 un atracador sementou o medo entre os donos e traballadores de establecementos de alimentación de Pontevedra e Marín, onde se chegaron a rexistrar en menos dun mes once asaltos. Este luns, máis de oito meses despois, seis deses atracos déronse por pechados e resoltos. O Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra xulgou ao veciño de Marín Eugenio García Fernández e este recoñeceu ser o autor de seis delitos de roubo con intimidación. Previamente, alcanzara un acordo de conformidade polo fiscal polo que se reduce a pena de 5 anos solicitada por cada delito a 3 anos e oito meses.
Á hora de negociar a pena co procesado, o fiscal tivo en conta a circunstancia agravante de reincidencia (xa fora condenado por roubos con violencia en 2001 e 2005) e a atenuante de drogadicción. Unha vez recoñecidos os feitos por Eugenio García Fernández, será condenado xa en firme polo xuíz a unha condena total de 22 anos de prisión, se ben cumprirá un máximo de 11, toda vez que, ao encadear varias penas, cumprirá como máximo do triplo da maior.
De todos os xeitos, a duración desta condena pode variar en función dunha sentenza pendente no Tribunal Supremo, pois o procesado foi condenado recentemente a cinco anos de prisión pola Audiencia Provincial de Pontevedra por un delito contra a saúde pública por axudar a un pontevedrés a planear unha viaxe a Punta Cana co seu fillo menor da que se trouxo un quilo de cocaina no seu organismo. Ese fallo está agora recorrido en casación.
Eugenio García Fernández, en prisión provisional polos atracos dende setembro de 2013, será condenado coa súa conformidade ao pagamento dunha indemnización total de 4.169,67 euros ás súas vítimas, o importe total roubado nos seis atracos agora xulgados, que se rexistraron nunha panadaría, catro supermercados e un estanco. Naquelas semanas rexistráronse máis roubos similares, pero finalmente non se lle atribuíron a el, que foi detido oculto na súa gorida na Finca Teucro de Pontevedra.
Foi detido na Finca Teucro de Pontevedra en setembro de 2013 e ingresou en prisión provisional
O primeiro dos atracos que se lle atribúe produciuse o 12 de agosto na panadaría A Seca da rúa Augusto González Besada, na que entrou coa cabeza cuberta por unha carapucha e o rostro tapado cun pano, apuntou á dependenta cunha pistola de fogueo, obrigouna a irse á trastenda e levou os 320 euros que había na caixa rexistradora, a caixa de caudais e un bote de plástico.
Oito días despois cometeu o segundo delito que se lle atribúe no supermercado da cadea Día da rúa Echegaray. Aconteceu o 20 de agosto, cando entrou no establecemento, colocou a mesma pistola de fogueo nas costas a unha caixeira e obrigouna a abrir a caixa e entregalo todo o diñeiro. Obrigouna tamén a entregarlle toda a recadación da outra caixa do supermercado ao tempo que lle berraba "vaia merda, aquí non hai cartos". Levou en total 260 euros.
Ao día seguinte volveu actuar no supermercado Moldes de Monte Porreiro. Co rostro oculto tras un pano e lentes de sol, apuntou unha caixeira coa pistola de fogueo e obrigouna a abrir a caixa rexistradora. A continuación, obrigou outra das traballadoras a abrir unha segunda caixa e levou un bote total de 1.651,22 euros.
O 22 de agosto cometeu o terceiro atraco en tres días, o cuarto en dez días. Acudiu ao supermercado da cadea Día na rúa Landín de Marín e utilizou un método diferente. Non ameazou xa inicialmente ao persoal, senón que fíxose pasar por un cliente, colleu unha barra de pan e, cando unha caixeira ía cobralo, sacou do peto a pistola e colocóuselle primeiro á altura do peito e logo no colo para obrigalo a darlle toda a recadación, 245 euros.
Á súa última vítima díxolle: "a puta droga, estou enganchado"
No seu modus operandi houbo un cambio obrigado a partir do 24 de agosto. Ese día unha patrulla da Policía Nacional que lle seguía localizoulle nas inmediacións do motel Montecarlo da estrada de Vilagarcía e intentou darlle o alto, pero logrou escapar á carreira. Na súa fuxida deixou atrás unha mochila na que levaba a pistola usada nos atracos previos e un revólver detonador de xoguete.
A pesar de perder a súa arma, o 5 de setembro volveu actuar. Nesta ocasión, acudiu ao supermercado Día da avenida de Vigo de Pontevedra, deulle un golpe no brazo a unha caixeira e mostroulle un obxecto punzante comunicándolle que a estaba a atracar. Levouse 222,04 euros.
O último atraco que cometeu en Pontevedra antes da súa detención (atribúenselle outros en Ourense) produciuse no estanco da Rúa do Sol de Marín o 7 de setembro. Pediu un paquete de tabaco á propietaria e, cando ela se xirou para collela, situouse ao seu lado armado cunha coitela e díxolle: "dame os cartos o te clavo". Levouse euros e tres paquetes de tabaco valorados en 13,35 euros. A esta última vítima confesoulle a súa adicción á droga cando abandonou o local. Díxolle: "a puta droga, estou enganchado".
Relacionadas:
-
O atracador dos supermercados ingresa en prisión por once asaltos
Por Natalia Puga |
-
"Me dijo mi compañero: ahí está el de los super y llamamos a la Policía. Cinco minutos más y se les escapa"
Por Natalia Puga |
-
Recoñece ante o xuíz que foi "una mala decisión" viaxar a Punta Cana co seu fillo menor e traerse un quilo de cocaína
Por Oskar Viéitez |