O PSOE "molesto" por Benito Corbal... Fricción no goberno municipal?
Por Alejandro Espiño
O proxecto "estrela" da reforma urbana de Pontevedra para 2013, a peonalización da rúa Benito Corbal, converteuse nun punto de fricción entre os socios do goberno coaligado. Segundo puido saber PontevedraViva, no grupo municipal do PSdeG-PSOE están "moi molestos" por coñecer o proxecto a través dos medios de comunicación.
Din estas fontes consultadas que, especialmente, "non sentou nada ben" o feito de que o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, apropiárase" dun proxecto no que levaban traballando os socialistas desde hai tempo. Primeiro da man de Teresa Casal e agora con Antón Louro ao mando da carteira de Urbanismo. E, por suposto, que se fixera "ás costas deles".
Foi precisamente o propio Louro o que protagonizou a última comparecencia do goberno municipal sobre este asunto. Foi hai apenas un mes e entón aseguraba que a obra executaríase en canto o Concello "dispoñera de recursos económicos".
Non hai que esquecer que, en virtude do pacto de goberno, é competencia dos socialistas os proxectos de urbanización e reurbanización, excepto os promovidos no Centro Histórico. Aínda que non menos certo é que, segundo sinalan estas mesmas fontes, corresponde aos nacionalistas, a xestión da mobilidade e accesibilidade urbana, competencia na que estaría integrado o proxecto de Benito Corbal.
Pero o problema é que, segundo averiguou este diario dixital, existía un compromiso entre ambas formacións, polo cal BNG e PSOE executarían a obra de forma conxunta desde as súas diversas responsabilidades municipais. Tratábase en todo caso dunha "actuación máis ambiciosa" que a anunciada agora por Bará, unha reforma integral da rúa, que agora mesmo quedaría en suspenso.
Este cambio "unilateral" é o que causou certa "sorpresa" nos seus socios de goberno. Tanto, que non desbotan pedir explicacións na próxima Xunta de Goberno.