O teixo do palacete das Mendoza está a morrer
Por Oskar Viéitez
Leva moitos anos sufrindo unha complicada enfermidade que foi secando as súas ramas e finalmente o teixo (Taxus baccata) do palacete das Mendoza parece estar a vivir os seus últimos días.
Os tratamentos aplicados polos técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro non puideron sandar á árbore. Durante longo tempo esmeráronse sen éxito en reactivar a sabia para que volvese circular polas súas ramas.
De aspecto frondoso e corpulento, con 14 metros de altura e tres madeiros dende a base, o verde das súas follas perennes ten tornado en marrón. Curiosamente o estudo realizado pola Estación do Areeiro en marzo do ano 2005 sinalaba que o estado fitosanitario deste exemplar era bo.
O director do Areeiro, Pedro Mansilla, recordou que o teixo é unha especie protexida, ata o punto de dicirse que está en vías de extinción. Como anécdota sinalou que estas árbores teñen unha carga cultural e relixiosa xa que eran considerados "sagrados" polos celtas.
Mansilla non puido datar con precisión a idade da árbore xa que esta especie ten un crecemento moi lento. Sinalou que o teixo prefire os terreos calcarios, aínda que pode aparecer en chans graníticos.
UN POUCO DE HISTORIA
No ano 1877 este terreo, naquel momento chamado "das Torres de Santa María e sitio dos Churruchaos", foi vendido a Soledad Méndez Núñez, irmá do famoso mariño Casto Méndez Núñez, quen estivo á fronte das Forzas Navais do Pacífico durante o reinado de Isabel II.
A execución e o deseño do palacete, tal e como o coñecemos agora, foron encargados ao arquitecto Alejandro Sesmero. A partir deste momento este pazo estivo vinculado á familia de Méndez Núñez. Primeiro habitou nel a muller que mandou edificar o palacete, Soledad Méndez Núñez, e que a continuación o cedeu á filla da súa irmá Clara, Carmen Babiano.
Este palacete, chamado por aquela época 'de Méndez Núñez', pronto pasou a coñecerse polo nome 'de Las Mendoza' debido ás fillas de Carmen Babiano, as irmás Concha e María Mendoza, que exercerían unha grande influencia na sociedade e cultura da cidade de Pontevedra.
Non obstante, debido a problemas económicos, víronse obrigadas a realizar un contrato cunha compañía de seguros; aínda que esta comprou o palacete, elas continuarían gozando del e dunha renda vitalicia ata a súa morte, que aconteceu no ano 1971. Dende este momento, ata que foi adquirido por Caixa Madrid, este palacete permaneceu deshabitado e nalgún momento pasou á propiedade de Alimentos de Arousa, S.A.
Durante 18 anos o palacete e os xardíns estiveron abandonado
No ano 1989 foi adquirido por Caixa Madrid. O proxecto de remodelación do edificio foi realizado pola empresa Construciones Malvar e o dos xardíns pola empresa Panasco. A recuperación das especies botánicas foi un traballo difícil que se prolongou durante dous anos.
A inauguración oficial da sede principal de Caixa Madrid en Pontevedra tivo lugar o 14 de febreiro do ano 1992. Dende entón o edificio foi sede principal da entidade bancaria ata a súa venda á Deputación en 2004 que destinou o edificio para acoller a sede de Turismo Rías Baixas.
Relacionadas:
-
RADIO.- Así se cociñaba con "as mulleres máis modernas do século pasado en Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |
-
Extreman a precaución para que as obras do Hospital non afecten ao teixo
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Morta a árbore, viva a escultura!
Por Oskar Viéitez |
-
As oficinas de turismo do Palacete das Mendoza e Armenteira gañan o distintivo "Q" de Calidade
Por Redacción |
-
A caída de dúas polas en Campolongo obriga a intervir aos bombeiros
Por Diego Torrado |