Furta unha tarxeta para levarse máis de 1.700 euros das contas bancarias e mercar un móbil de 500 euros
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra detiveron unha muller de 38 anos, veciña de Porto do Son, natural de San Sebastián e con antecedentes policiais, como presunta autora dun delito de furto e outro de estafa ao usar fraudulentamente unha tarxeta que subtraera dun bolso.
A vítima presentara unha denuncia en febreiro cando lle levaron o bolso mentres se encontraba nun local de lecer da cidade. No interior portaba diversa documentación e un teléfono móbil. A muller interpuxo tamén unha nova denuncia ao comprobar que co seu DNI tamén se retirara diñeiro das súas contas bancarias facéndose pasar por ela.
A presunta autora retirou en xanela dunha sucursal bancaria 320 euros e minutos despois 20 euros máis. Pero noutra das contas comprobouse que, o 22 de abril, retirara en oficinas bancarias de Pontevedra 1.000 euros e a continuación, noutra operación, 400 euros máis. A muller intentou continuar sacando diñeiro pero unha empregada, segundo fontes da Policía Nacional, percatouse de que estaba a intentar usurpar a identidade doutra persoa. Ao ser sorprendida, a muller abandonou precipitadamente a sucursal bancaria.
Non obstante, a presunta ladroa adquiriu un teléfono móbil nunha tenda de telefonía desta cidade valorado en 496,61 euros. Ademais tamén formalizou un contrato cunha operadora de telefonía a nome da vítima.
Os axentes iniciaron as xestións para tratar de descubrir todos os datos sobre os reintegros efectuados e tras diversos controis, lograron identificar a persoa que retirara o diñeiro.
O 13 de xuño, ás 11.00 horas, a presunta autora dos feitos foi localizada e detida polos axentes da Policía Nacional nas inmediacións da rúa Rosalía de Castro, por un delito de furto, dous delitos de estafa e catro faltas de estafa. Despois de prestar declaración en dependencias policiais foi posta a disposición da Autoridade xudicial.