Dúas persoas atenderán a caseta de turismo de Marín ata finais de setembro
Por Redacción
Non haberá que esperar, como é habitual, ata o 1 de xullo para que abra ao público a caseta de turismo do Concello de Marín. Este ano serán dúas persoas as que atenderán aos visitantes que busquen información sobre o municipio. Unha delas estará contratada directamente polo goberno municipal, mentres que a segunda será unha bolseira que fará as súas prácticas laborais, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.
Estas informadoras turísticas encargásense de atender a todas as persoas que se acheguen ao municipio e orientalas para que gocen dos seus atractivos, segundo destacou a concelleira de Turismo, Cristina Acuña. Atenderán ao público de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas. Este horario manterase ata finais de setembro.
Un dos materiais que se entregarán neste punto de información será o novo folleto turístico do concello, editado pola administración provincial. Cristina Acuña sinalou que no mesmo se quixeron resaltar as sete praias do municipio: Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, O Santo, A Coviña e Lapamán, das cales catro obtiveron a bandeira azul.
No folleto explícase que a oferta de lecer e tempo libre, ademais das festas patronais, se amplía en verán con actividades case todas as fins de semana; e recorda que Marín conta ademais co Museo Manuel Torres, un ecoparque, a granxa de Briz, o Parque dos Sentidos, varios xacementos arqueolóxicos ou o lago de Castiñeiras. Ademais, destácanse tamén os circuítos BTT e cicloturistas, as rutas de sendeirismo ou os deportes náuticos.
Segundo a edil de Turismo, trátase dunha información que estará a disposición dos visitantes e dos veciños de Marín "para gozar en intensidade da nosa riqueza turística, medio ambiental e cultural" e promover a cidade "a todos aqueles que nos visitan e aos de aquí que moitas veces descoñecen parte dos nosos tesouros".