As sinaturas policiais falsas nunha denuncia levan á CIG a reclamar unha investigación ante a Fiscalía
Por Anxo Lourido
O sindicato CIG presentou un escrito ante a Fiscalía de Pontevedra para que investiguen as actuacións policiais contra os representantes sindicais e os traballadores que realizan protestas nas rúas ao ter descuberto, de xeito casual, que as sinaturas policiais dunha denuncia contra o sindicalista Xabier Aboi e as rúbricas da ratificación da solicitude de sanción non coincidían e, por tanto, había unha irregularidade documental.
Os feitos remóntanse ao transcurso dunha protesta laboral en marzo de 2012 pola que Aboi foi denunciado pola súa actuación nun piquete. A xuíza do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra reclamou a intervención dun perito do Tribunal Superior de Xustiza que testemuñou que as firmas policiais da documentación non coincidían e, por ese motivo, anulouse a sanción de 1.200 euros ao representante sindical.
Agora, o secretario comarcal da CIG, Marcos Conde, e o propio Xabier Aboi presentan unha solicitude ante o Fiscal reclamándolle unha reunión para que se analice se existe unha persecución sindical. Segundo afirma Conde "aquí hai algo raro" e engade que "a Policía defende as ordes que recibe de arriba e intenta que a xente non estea na rúa".
Neste mesmo sentido, Xabier Aboi explica que "o problema non é que persigan á CIG, senón que persigan o discrepante, o que se mobiliza e reclama". E os representantes sindicais apuntan que non se rexistraron incidentes graves durante os últimos anos por protestas nas rúas e non obstante, "hai miles e miles de sancións". Así, engadiu que "non é normal que haxa decenas de persoas, non só as dúas compañeiras de Pontevedra, que sexan condenadas a anos de cárcere mentres que auténticos delincuentes están na calle ou, como neste caso, señores que presentan falsedade documental, avaliadas polo perito do Tribunal Superior de Xustiza".
O fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, indicoulles que, unha vez estude o escrito e as probas documentais que achegan os sindicalistas, atenderalles en relación coa súa petición.