Fiscalía arquiva a denuncia da CIG por falsidade nas sinaturas de multas a sindicalistas
Por Natalia Puga
A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu arquivar a denuncia interposta polo sindicato CIG pedindo que se investigara unha posible falsidade documental na firmas policiais de multas contra sindicalistas. A resolución xerou malestar na central sindical, que anuncia que a súa asesoría xurídica está a estudar xa os novos pasos a dar e non descarta presentar denuncias por prevaricación contra os responsables de terse imposto as polémicas multas.
Os feitos que levaron á CIG a acudir á Fiscalía remóntanse a unha protesta contra o rescate da banca en marzo de 2012 na que diversos sindicalistas entraron en sucursais bancarias e Xabier Aboi foi denunciado pola súa actuación. O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra reclamou a intervención dun perito do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) que testemuñou que as firmas policiais da documentación non coincidían e, por ese motivo, se anulou a sanción de 1.200 euros ao representante sindical. Tras iso, acudiron á Fiscalía.
A denuncia presentouse ante o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, o 18 de xuño. O secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, e Xabier Aboi foron citados un mes despois, o 14 de xullo, para referendar a denuncia. E tres días despois, o 17 de xullo, o fiscal asinou o documento polo que se arquiva. Este breve espazo de tempo entre a declaración dos sindicalistas e o arquivo leva a Marcos Conde a sinalar que "está claro que non foi nin investigado".
Marcos Conde: "Cando o fiscal decide non investigar quen é, eu podo supoñer que é o instructor e o instructor aí está prevaricando"
"ÿ triste dicilo, pero por desgraza presumiamos que ía ser iso", recoñece Conde, pois o seu sindicato xa contaba coa posibilidade de que a denuncia non seguise adiante en tanto que supoñía investigar unha actuación administrativa e policial e a Fiscalía está a seguir unha política de "persecución e acoso de todos os que protestan". Interpreta esta situación como unha "ratificación na certeza que temos de que hai organismos que están a ordes e seguimento do que lles ordenan".
Tras serlles notificado o arquivo da denuncia, os responsables de CIG concluíron que o feito de que o fiscal non investigue lles fai "poñer en dúbida a todos os que participaron nas denuncias" interpostas ata agora contra este sindicato. Tal situación levaría consigo un delito de prevarición: "cando ou fiscal decide non investigar quen é, eu podo supoñer que é o instrutor e o instrutor aí está prevaricando".
Estas sospeitas extrapólanas aos 30 procedementos administrativos iniciados dende a Subdelegación do Goberno en Pontevedra contra integrantes de CIG na bisbarra dende o ano 2009 e falan dunha "orde política de persecución da actividade sindical". Ao respecto, Xabier Aboi interpreta a situación como unha demostración de que "aquí non se pode tocar os militares, a Xustiza, a Policía e a Igrexa,".
Ademais, Aboi ataca o fiscal xefe de Pontevedra de forma directa e asegura que "é un señor que non merece o posto no que está porque non é leal". Trasládalle que "se quere perseguir, que persiga, pero que persiga aos delincuentes" e non aos representantes dos traballadores.