120.000 euros para cambiar integralmente o aspecto da rúa Fontesanta
Por Redacción
120.000 euros investíronse no barrio de Fontesanta, una actuación impulsada pola Concellería de Urbanismo e coa que o cambio en todo este espazo público é máis que palpable.
As tres rúas sobre as que se actuou non dispoñían de beirarrúas ou, en todo caso, de beirarrúas de menos de 50 centímetros de ancho, completamente deterioradas e mesmo por debaixo do nivel do asfalto. Os veciños queixábanse de sufrir aparcamentos indiscriminados con vehículos pegados ás fachadas, tapando portas e ventás.
Despois desta reforma, todo o barrio queda ordenado, tanto na circulación viaria como na regulación do aparcamento. As novas beirarrúas delimitan especificamente as prazas existentes por medio de 'linguas' e 'orellas' e reforzan o carácter urbano de Fontesanta. Quedaron tamén delimitados correctamente os espazos de aparcamento.
Durante a súa visita a todo este ámbito, Antón Louro recolleu algunhas peticións veciñais para dotar tamén a Fontesanta de aparcamentos reservados para persoas con discapacidade e o adecentamento dunha pequena parcela con céspede, para darlle un tratamento máis axardinado. Con todo, a demanda veciñal máis urxente é a mellora dun pequeno muro que consolida o terreo sobre un camiño veciñal na parte baixa do barrio.