Perdeu vostede unha carteira con "certo diñeiro"?
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra busca o propietario dunha carteira encontrada na rúa con "certo diñeiro".
A oficina de obxectos perdidos da cidade, situada na comisaría da Policía Local, nos baixos do Pazo da Cultura, recolle anualmente máis de 800 artigos. Trátase maioritariamente de teléfonos móbiles, chaves, lentes, reloxos e carteiras. Neste último caso as carteiras adoitan levar algún tipo de documentación que facilita a identificación do dono, algo que non acontece nesta ocasión.
Para non alimentar a picaresca, dende a portavocía da Policía Local preferiron non dar máis pistas sobre a carteira en cuestión, tan só destacaron que contén "certo diñeiro".
Cando un cidadán encontra un obxecto perdido debe entregalo ás autoridades que recollerán os seus datos co propósito de que poida reclamar a súa propiedade trascurridos dous anos e un día, dende a data da entrega. Se pasado ese tempo ninguén reclama o obxecto perdido, no caso de que se trate de diñeiro pasa á Tesouraría municipal.