Escapoulle unha tartaruga?
Por Redacción
Escapoulle a vostede unha tartaruga de 25 centímetros? Pode recollela na base de Protección Civil de Caldas de Reis.
Parece un anuncio por palabras, pero é, en realidade, unha petición de axuda para salvar unha tartaruga doméstica de rematar nun centro de recuperación de animais. Lánzao a agrupación de voluntarios de Protección Civil tras localizar o animal nun terreo do lugar de Aboi, na parroquia de San Andrés de César.
O achado produciuse a mediodía do domingo. Un particular alertou a Protección Civil porque localizara unha tartaruga no seu xardín. Ao lugar desprazouse unha dotación de voluntarios e, tras recoller ao animal, empezaron a busca dos seus donos.
Nun primeiro momento, os voluntarios buscaron entre os veciños da zona e logo trasladaron a tartaruga ás instalacións municipais. Alí permanecerá uns días á espera de que poida aparecer o propietario e, en caso de que non dea sinais, se entregará o animal a un centro especializado.