Cambados exaltará á vieira esta fin de semana
Por Redacción
O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, o patrón maior en funcións da Confraría San Antonio, Benito González, o presidente da asociación de comerciantes Zona Centro, Juan Rey, os restauradores Tonino Botana e Manolo Ribadomar, e unha representante da asociación Guimatur, presentaron en rolda de prensa a decimoterceira edición da Exaltación da Vieira, que acadou o pasado ano a cualificación de interese galego e vaise celebrar esta vindeira fin de semana en Cambados.
A organización prevé manter unha elevada afluencia de público, como nas edicións anteriores, e agarda que a novidosa presenza dos tres restauradores á fronte da carpa de degustación contribúa a mellorar a calidade da oferta do prezado molusco.
As vieiras vanse preparar en ensalada, gratinadas con queixo, con arroz seco, en guiso mariñeiro, en empanada, ó forno e ó xeito tradicional. O restaurante Ribadomar concurrirá coa súa esencia tradicional apostando pola empanada de vieiras e, por suposto, coas vieiras ó forno. Pandemonium combinará a innovación co tradicional presentando un guiso mariñeiro de vieiras e arroz seco de vieiras e verduras. Pola súa banda, a Taberna do Trasno innovará na preparación coa súa ensalada de vieiras e as vieiras gratinadas con queixo de Arzúa.
O alcalde puxo de relieve a importancia desta festa para o sector do mar, pois Tragove é o único porto galego que traballa este molusco en condicións satisfactorias cunha campaña anual consolidada. Asemade, salientou a continuidade durante trece edicións consecutivoa deste certame que naceu en 2002 para apoiar ó sector no cal se encadran 250 familias- cando atravesaba unha fonda crise por causa da toxicidade.
Este venres, ás 13 horas, está previsto o acto inaugural da XIII Exaltación da Vieira cunha visita das autoridades á zona de degustación situada no paseo da Calzada.
A carpa gastronómica atenderá ó público a partir das 12.30 horas pola mañá, e de 20 a 24 horas pola noite.
MÿSICA E DEPORTES
Entra as novidades incluidas na programación festiva cómpre salientar a actuación do Septeto Naborí de Santiago de Cuba, que interpreta música salsa e son cubano e actuará na praza do Concello o sábado día de San Antonio, patrón da confraría-.
Outra actuación destacable é a da Banda de Música de Peñafiel (Valladolid), que ofrecerá un concerto na praza do Concello o domingo, con motivo da celebración da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Esta actuación encádrase no programa Música con Denominación de Orixe patrocinado pola Secretaría de Estado de Cultura, e que conleva outra actuación de intercambio musical da Banda de Castrelo na vila de Peñafiel.
No eido deportivo está programado o primeiro trofeo Mini-BTT do Concello de Cambados que se disputará no monte da Pastora o sábado. O mesmo día levarase a cabo unha mostra de artes marciais, con exhibición de judo, organizada polo club Vital Sport na praza do Concello.
Esta exaltación do delicioso molusco tamén vai contar con diversas citas folclóricas, concertos de bandas, verbenas populares e actividades culturais.