60.000 euros para colocar lámpadas LED no alumeado público do Castañal
Por Alejandro Espiño
O barrio do Castañal será a próxima zona de Pontevedra en integrarse no plan de aforro enerxético que impulsa o goberno municipal para reducir a factura correspondente á iluminación pública. Investiranse 60.000 euros para substituír todas as lámpadas da iluminación do barrio, un cambio que segundo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, logrará reducir nun 85% o gasto de iluminación relativo a estas rúas.
O contrato, cuxa licitación foi aprobada na Xunta de Goberno deste luns, implicará o cambio de luminarias en todo o barrio do Castañal: Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas, Mestre Soutullo, Gaiteiro de Soutelo, O Castañal ou Ángel Amor Ruibal. Ademais, incluirase o tramo de José Malvar, entre Loureiro Crespo e A Seca, e o tramo de Loureiro Crespo dende a rotonda con José Malvar e a Avenida de Lugo.
Con respecto aos proxectos de iluminación pública, a Xunta de Goberno tamén aprobou a licitación da primeira fase do proxecto conxunto entre Concello e Deputación para dotar de iluminación ao acceso oeste de Pontevedra, entre Médico Ballina e Monte Porreiro, pasando pola nova ponte do Lérez. O goberno municipal asumirá a obra entre Médico Ballina e a Porta do Sol (Lérez), no que se investirán 106.000 euros.
Ademais, a empresa COVSA encargarase de arranxar os danos da reforma urbana da Avenida de Marín. Será con custo ao aval executado á anterior adxudicataria destes traballos, Hidroscivil. A devandita reparación está valorada en 119.000 euros.
Por último, o goberno municipal aprobou a concesión de axudas para actividades culturais organizadas en 2014. Concedéronse subvencións por valor de 22.500 euros, todos eles para iniciativas desenvolvidas ata o 31 de agosto. Para as demais a celebrar este ano haberá unha nova convocatoria en próximas datas.
Relacionadas:
-
Substitúen 56 puntos de luz en Vilaboa para reducir o gasto enerxético
Por Redacción |
-
Adxudican máis de 400.000 euros en obras ás empresas Setga e EC Casas
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas renovará toda a iluminación pública da parroquia de Laxoso de Arriba
Por Redacción |
-
Marín mellorará o alumeado público de Jaime Janer grazas a unha subvención do INEGA
Por Redacción |
-
Acordo para iluminar o ámbito da ponte de Monte Porreiro e executar a zona verde de Pasarón
Por Alejandro Espiño |
-
As deficiencias da reforma da avenida de Marín correxiranse a partir de setembro
Por Alejandro Espiño |