A Revira insta ao Concello a retirar todos os símbolos franquistas que quedan en Pontevedra
Por Redacción
A Asociación Cultural A Revira ve no anuncio do concelleiro de Educación, Agustín Fernádez, de que se retirará o símbolo franquista do colexio Vidal Portela de Pontevedra unha "hipocresía", por dalo a coñecer xusto no inicio do novo curso escolar e porque non se ten a mesma determinación co resto dos símbolos similares existentes no municipio.
Ao respecto, recordan que A Revira xa pediu a retirada de todos os símbolos franquistas de Pontevedra o 20 de novembro de 2012 e ata o de agora a súa proposta no tivo resposta, a pesares de que un dos que nomeaban era o do Vidal Portela. "Pensamos que non poden alegar que pasan desapercibidos", indican.
Dende a asociación cultural animan aos concelleiros pontevedreses a retirar "os numerosos símbolos franquistas que ainda perviven na cidade, pero todos xuntos e non de un en un". Como exemplo dos existentes falan do que hai na rúa Michelena, diante da sede do Concello de Pontevedra, isto é, "diante da porta pola que entra a traballar Agustín Fernández todos os días" e que é un escudo franquista co lema Una Grande Libre nun relevo escultórico.
Aproveitan para lembrar que as Administracións públicas están a incumprir a Lei de Memoria Histórica do ano 2007, que obriga a retirar todos os escudos, insignias, placas e calquera obxecto que exalte o levantamento fascista e a represión da Ditadura.
Ademais, fan referencia ao sucedido en Vigo coa orde xudicial para eliminar a Cruz do Castro e sinalan que "existe a posibilidade de que sexa a Xustiza quen obrigue á eliminación definitiva da impune propaganda fascista". Como exemplo, poñen o escudo de grandes dimensións existente na rúa Santa Clara ou o nome da avenida Fernández Ladreda, polo seu vínculo co Franquismo.
Relacionadas:
-
O Concello retirará o escudo coa aguia da fachada do colexio Vidal Portela
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que se cambie o nome á avenida Fernández Ladreda por consideralo símbolo do franquismo
Por Redacción |
-
Lores atenderá os antifranquistas
Por Redacción |
-
Franco segue presente en Pontevedra, ata cando?
Por Redacción |