Menos usuarios polo mal tempo e máis picaduras de avespas, balance estival na praia fluvial
Por Redacción
Un verán máis chuvioso do normal reduciu o número de usuarios na praia fluvial do Lérez, segundo recolle o informe realizado pola empresa Transgalaica, responsable dos socorristas que traballan no areal pontevedrés nos meses de xullo e agosto, así como en parte dos de xuño e setembro. Con todo, destacan que os días de sol e calor a praia tivo unha ocupación moi elevada por parte dos bañistas.
A estatística, na que se excluíron os días de mal tempo ao non haber usuarios na praia, reflexa que unha media de 582 persoas ao día utilizaron o areal durante este verán. As quincenas de maior afluencia foron a segunda de xullo (700 persoas de media) e a primeira de agosto (630 persoas) e novo, houbo máis bañistas polas tardes (de 16.30 a 20.30 horas), cunha media de 422 usuarios; que polas mañás (de 12.30 a 16.30 horas), con 160 usuarios diarios.
En canto a atención dos usuarios, o posto de socorrismo tivo que realizar un total de 167 intervencións. A maior parte delas (102) foron por picaduras de insectos, principalmente abellas ou avespas, pero o persoal de vixilancia tamén tivo que auxiliar a 32 persoas con feridas e hemorraxias leves, a 12 usuarios aos que lles houbo que extraer espiñas, cristais ou corpos estraños na pel ou a tres bañistas que sufriron un golpe de calor.
Para que a praia estivese en perfecto estado de uso durante o verán, o Concello de Pontevedra fixo diversas melloras na primavera en distintos servizos, entre eles os baños e o módulo de socorrismo, e un mantemento diario durante todo o verán. Esta liña de actuación manterase, avanzan desde o goberno municipal, de cara ao vindeiro verán.