Alertan de perigosos desprendementos na senda peonil de Bagüín
Por Redacción
As chuvias dos últimos días provocaron o desprendemento de grandes cachotes de pedra enriba da senda peonil de Bagüín. Tivo lugar na tarde do venres en varios puntos, especialmente onde onde o terraplén é máis alto. Neste momento as pedras invaden parte da senda e todo o canal anexo que debería recoller a auga, segundo denuncia o BNG de Marín.
"O perigo é evidente. As pedras caeron directamente sobre a senda e se nese momento houbera persoas circulando o accidente sería inevitable. A pesares disto, a única medida tomada dende o Concello foi a de colocar dos conos na zona, cando o aconsellable sería sinalizar adecuadamente advertindo do perigo ou incluso pechar o paso aos peóns en tanto non se consoliden os terrapléns", afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
Na última comisión informativa de Medio Ambiente, recordan os nacionalistas, o goberno municipal afirmou que a obra estaba rematada e aberta ao público, "mais recoñeceu a necesidade de consolidar os terrapléns". Pero o BNG denuncia que a responsabilidade do sucedido é do propio Concello "que non rebaixou os terrapléns o suficiente para evitar os desprendementos e, o que é peor, non os consolidou antes de abrir o paso ao público".
O grupo municipal do BNG anuncia que se dirixirá directamente ao Departamento Territorial de Estradas da Xunta en Pontevedra para solicitar a consolidación urxente dos terrapléns na recta de Bagüín ademais de outras medidas que teñen que ver coa instalación dunha correcta sinalización horizontal e vertical e coa supresión dos gardarraís.
Relacionadas:
-
A Xunta acometerá obras de fixación do noiro na senda de Baguin
Por Redacción |
-
Instauran o sentido único no vial de acceso á praia de Aguete
Por Redacción |
-
As obras da senda peonil de Bagüín dificultan a circulación entre Mogor e Aguete
Por Redacción |
-
Comezan as obras para a construción da senda peonil en Bagüín
Por Redacción |