A UNED inaugura un novo curso en Pontevedra con case 4.000 alumnos matriculados
Por Redacción
Case 4.000 alumnos formalizaron xa a súa matrícula para cursar estudos oficiais en centro asociado que a Universidade Española a Distancia (UNED) ten en Pontevedra. O prazo aínda está aberto ata a primeira semana de novembro, pero o curso comezou oficialmente este mércores. Fíxoo co tradicional acto de inauguración que tivo lugar nas instalacións universitarias de Monte Porreiro.
Ao acto acudiron, entre outros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada Ana Isabel Vázquez, o director de ENCE, Antonio Casal; o vicereitor de investigación da UNED, Ricardo Mairal; ou o xerente do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela. Este último foi o encargado de pronunciar a lección inaugural deste curso, que versou sobre o Camiño de Santiago.
Neste novo curso 2014-2015, o centro da UNED en Pontevedra continuará impartindo as 27 titulacións de grao, o curso de acceso para maiores de 25 e 45 anos e os trece idiomas impartidos polo Centro Universitario de Idiomas a distancia. Ademais, por primeira vez comezará a titorización dos graos combinados, que permitirán aos estudantes obter dous títulos de grao cursando un completo e un grupo de créditos do segundo.
Antes da celebración do acto de apertura do curso académico, as instalacións da UNED acolleron tamén a celebración da primeira xunta reitora do seu padroado. Nela aprobáronse os plans de calidade do centro, a proposta de modificación estatutaria e deulle conta do informe no que se recolle a actividade da institución nos últimos seis meses.
Ademais a súa directora, Beatriz Rodríguez, sinalou que unha das prioridades para este novo curso será seguir apostando por potenciar as actividades de extensión universitaria, nas que participaron 2.430 alumnos o pasado ano.
Relacionadas:
-
5.300 alumnos da UNED, a exame dende este luns en Pontevedra
Por Redacción |
-
A UNED de Pontevedra aproba un presuposto de case dous millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Que é iso do 'mentoring' que impulsa a UNED?
Por Oskar Viéitez |
-
A UNED abre o seu período de matriculación de setembro
Por Redacción |
-
O Padroado da UNED de Pontevedra concede a Vigo cinco titulacións
Por Oskar Viéitez |