Dous anos de prisión por arrincar media orella ao seu amigo dun mordisco
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Un mozo foi condenado a dous anos de prisión por dar un mordisco a outro durante unha pelexa coa consecuencia de que lle arrincou media orella.
Este xoves resolveuse na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra un suceso que tivo lugar na madrugada do 3 de novembro de 2012 no exterior dun coñecido pub da rúa Benito Corbal.
Cinco mozos implicados no suceso sentáronse no banquiño: David Alexander, Gillbert, Walter, Matías Orlando e Jenny. Os tres últimos foron absoltos mentres que David Alexander e Gillbert chegaron a un acordo de conformidade coa fiscalía tras recoñecer a súa participación nos feitos.
Trala confesión, Gillbert acepta unha pena de dous anos de prisión, recoñecéndose a existencia de dous atenuantes: confesión e arrebato ou obcecación. O seu compañeiro, David Alexander, aceptou un mes de multa a razón de cinco euros por día.
O incidente produciuse ao redor das 6.00 horas da madrugada do sábado ao domingo. Ambos mozos enleáronse nunha pelexa e, no trascurso da mesma, un quedou sen media orella e o outro sufriu lesións.
Minutos máis tarde, sobre as 6.40 horas, unha patrulla da Policía Nacional que facía labores de vixilancia na Praza da Peregrina cruzouse cun deles e, ao ver que tiña parte da orella desprendida e a roupa manchada de sangue, entrevistáronse con el.
David Alexander C.R., de 22 anos, relatoulles que tivera unha discusión no interior dun pub e, cando saíu ao exterior, o outro mozo Gillbert C.A. de orixe dominicano, deulle un mordisco na orella mentres unha terceira persoa, unha moza, lle suxeitaba.