Piden cárcere e expulsión do país para un mozo que agrediu a outro en Benito Corbal
Por Redacción
Tres anos e medio de prisión e que, unha vez salga do cárcere, se lle expulse do país e se lle impida volver entrar durante seis anos. É a dura petición que realiza a Fiscalía de Pontevedra para DF.F.V., un mozo de nacionalidade estranxeira, que está acusado de agredir a outro cun vaso na cara.
A agresión produciuse na madrugada do 25 de decembro de 2012 fronte a un pub situado na rúa Benito Corbal de Pontevedra. A vítima, como consecuencia do brutal ataque, sufriu unha importante perda de visión nun ollo.
O fiscal, no seu escrito de acusación, relata que ambos os dous mozos tiveron unha pelexa no interior do pub. O porteiro do local expulsou a DF.F.V. sen comprobar que saía cun vaso do bar e que non se afastaba do lugar.
Este esperou fóra do pub a que saíse a vítima e agrediuna, golpeándolle co vaso no ollo esquerdo.
Como consecuencia da agresión, a vítima tivo que someterse a varias intervencións cirúrxicas e tardou en curar 382 días. A pesar diso, sufriu numerosas secuelas con cicatrices na cara e a perda de visión no ollo afectado polo golpe.
Xunto coa pena de prisión, o fiscal entende que DF F.V. debe indemnizar á vítima con máis de 87.000 euros. Como responsable civil cita ao seguro do local de copas, xa que o vaso co que se produciu a agresión procedía do interior do mesmo.
O xuízo celebrarase o vindeiro martes 6 de febreiro na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Recoñece que lesionou outro mozo tirándolle un vaso á cara, pero asegura que foi "sin querer"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Ano e medio de cárcere a dous acusados dunha malleira ás portas dunha discoteca de Benito Corbal
Por Natalia Puga |
-
Dous anos de prisión por romperlle tres dentes a outro mozo ás portas de 'Tropicana'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dous anos de prisión por arrincar media orella ao seu amigo dun mordisco
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |