Piden que se anule a concesión á empresa de limpeza dos centros de saúde por problemas nos pagamentos
Por Anxo Lourido
Os traballadores da empresa Linorsa, concesionaria dos servizos de limpeza dos centros de saúde e da administración de xustiza na comarca de Pontevedra, concentraranse o martes 18 e o mércores 19 ante o edificio de Sanidade na Avenida de Vigo e ante a Audiencia Provincial, respectivamente.
O motivo destas protestas encóntrase na decisión da empresa de só pagar a metade do salario do mes de outubro, de novembro e ter presentado un plan de pagamento ao comité de empresa no que tamén se reduce ao 50% do aboamento da nómina durante decembro sen percibir a paga extra. Os sindicatos CIG e UGT, en rolda de prensa, alertaron desta situación que afecta a 100 traballadores na comarca e a ao redor de 300 na provincia. Son ademais soldos de media xornada que, con esta reducción, non chegan aos 250 euros mensuais, indican os representantes sindicais.
A empresa alega, segundo os sindicatos, problemas de liquidez para afrontar o pagamento completo das nóminas neste momento debido a unha débeda do Concello de Parla e o plan presentado contemplaría o aboamento prorrateado dos atrasos salariais destes meses ao longo de 2015 pero Diana Rodríguez, secretaria comarcal da CIG-Servizos, indicou que "os traballadores non van ser prestamistas da empresa".
O comité de empresa de Linorsa xa denunciara en agosto os problemas de pagamento dos salarios de Linorsa, o Sergas abriu un expediente con advertencia de sanción administrativa, unha opción que os representantes sindicais consideran que non soluciona a falta de liquidez da entidade. Por ese motivo, reclaman a rescisión do contrato por parte da Xunta para que se estableza unha nova concesión do servizo cunha empresa que garanta o cobramento dos salarios. Isaac Gutiérrez, secretario xeral da Federación de Servizos de UGT, afirmaba que "si los clientes de Galicia pagan a Linorsa, Linorsa tiene que pagar a los trabajadores".
Durante a tarde deste luns, a empresa e os representantes sindicais están chamados a unha reunión no Consello de Relacións Laborais para intentar encontrar unha solución ao conflito.
Relacionadas:
-
As traballadoras da limpeza dos centros de saúde denuncian atrasos nos pagamentos
Por Redacción |
-
CCOO denuncia un "concurso-trampa" na adxudicación da limpeza na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Linorsa decidirán este venres se inician unha folga de limpeza nos centros de saúde
Por Redacción |
-
As limpadoras dos centros de saúde e administración de Xustiza sopesan ir á folga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os traballadores de Linorsa ameazan con protestas se non se lles aboa a totalidade dos seus salarios
Por Oskar Viéitez |