CCOO denuncia un "concurso-trampa" na adxudicación da limpeza na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido
Os traballadores da empresa Linorsa, que volveu gañar o concurso de adxudicación da Cidade Infantil Príncipe Felipe cunha concesión de catro anos, concentraranse o mércores 15 deste mes ás 10.15 horas ante a entrada ás instalacións do centro como acto de protesta ante o que Comisións Obreiras é unha práctica irregular por parte da empresa de limpeza.
Segundo o sindicato, a entidade non respecta o prego de condicións establecido no que os 17 traballadores teñen que contar cunha xornada laboral completa. José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., apuntou que a xerencia de Linorsa está a reducir contratos de tempo completo a tempo parcial e substitúe un traballador que se xubila por dous contratados por menos horas. O representante sindical afirmou que ademais a empresa establece unha situación de chantaxe: "ou aceptas ou despáchante", indicou García Pedrosa.
Desta forma, o sindicato afirma que mentres non se eliminan espazos de limpeza si se producen recortes nas condicións laborais, algo que consideran denunciable mesmo ante os tribunais de xustiza. Neste sentido, o delegado de CC.OO. na Deputación, José Ramón Piñeiro, sinalou que se se incumpre o establecido no pleno de condicións pola empresa que resultou gañadora da adxudicación, o resto das empresas poderían demandar a Deputación Provincial por incumprimento das bases do concurso. Sería un "concurso-trampa", indicou Piñeiro "onde non se participou en igualdade de condicións".
Dende o sindicato indican que aínda non se asinou o contrato de adxudicación e que xa alertaron o xefe de sección sobre estas irregularidades. García Pedrosa e Isabel Rúa, membro do comité de empresa de Linorsa, indicaron que esta empresa tamén incorrera en problemas de non pagamentos de nóminas durante varios meses dende xullo de 2014.
Relacionadas:
-
A nova Deputación comprométese a revisar o contrato con Linorsa antes da súa adxudicación
Por Diego Espiño |
-
CC.OO. estuda denunciar á Deputación ante a Fiscalía por malversación de diñeiro público ao contratar Linorsa
Por Anxo Lourido |
-
Piden que se anule a concesión á empresa de limpeza dos centros de saúde por problemas nos pagamentos
Por Anxo Lourido |