Buscan financiación europea para eliminar la proliferación de cianobacteria del Embalse del Umia
Por Redacción
Eliminar a proliferación de cianobacterias no río Umia é o obxectivo central do Proxecto Umia co que a Deputación de Pontevedra, a Mancomunidade de O Salnés, a Universidade de Vigo e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), concorren ao programa Life +, da Unión Europea, en busca de financiamento.
Así o expresou este mércores a deputada provincial Ana Isabel Vázquez nas xornadas sobre Xestión da Contaminación da Auga en Encoros, Ríos e Lagos, desenvolvidas no Edificio Administrativo e organizadas polo ITG e a empresa Ecohydros.
O Proxecto Umia consistirá na posta en marcha sistemas que permitan medir e controlar a proliferación esaxerada da cianobacteria (proceso coñecido como blooming), actuando directamente sobre a orixe do problema: a elevada concentración de nutrientes (nitróxeno e fósforo) na auga.
Para logralo, deberase actuar en diferentes ámbitos. Un dos pasos será a detección e corrección, cos oportunos tratamentos, dos problemas de depuración de augas existentes, tanto nos sistemas de saneamento colectivos como nas fosas sépticas que aínda perviven en moitas zonas do contorno do Umia.
Outro dos puntos nos que será preciso actuar será o control da utilización de abonos e fertilizantes que, ben a través das capas freáticas ou das augas de escorrentía chegan ao río. Neste campo, prevense campañas de concienciación e sensibilización para reducir a utilización destes produtos.
Finalmente, o eixe do programa centrarase na eliminación directa da acumulación de cianobacteria por medio dunha novidosa tecnoloxía baseada en ultrasóns e que se aplicará naqueles momentos nos que se dean procesos de blooming.
O orzamento total do programa ascende a 2,3 millóns de euros.