Rexeitan o recurso dun condutor multado que alegou non entender un sinal escrito en galego
Por Oskar Viéitez
O Xulgado Contencioso Administrativo número tres de Pontevedra rexeitou o recurso interposto por un condutor multado pola Policía Local que alegaba que o sinal de prohibición de aparcar estaba escrito exclusivamente en galego.
O condutor foi multado o 2 de abril deste ano, por unha infracción de estacionamento indebido na rúa Pastor Díaz. A sanción era de 100 euros.
O condutor alegou "indefensión" producida pola circunstancia de que a lenda situada debaixo do sinal de prohibición de parada e estacionamento estivese só en lingua galega. A sentenza observa que "aínda que as prescricións regulamentarias establecen que estas indicacións han de figurar igualmente en idioma castelán, neste caso asistimos a un mero defecto de forma".
E é que tal e como recolle o fallo xudicial resulta "obvio" que puido comprender o recorrente o mandato contido nos sinais vertical e horizontal prohibindo o estacionamento que "resultan visibles e son de comprensión xeral mesmo para un cidadán extranxeiro", independentemente de que entendese ou non a lenda en galego "agás servizos".
O voceiro do goberno local, Raimundo González, explicou que a sentenza é firme e lamentou que o infractor pretendese "utilizar un falso conflito lingüístico para zafar dunha multa".