Pontevedra, referente mundial: premiada por Dubái e a ONU polo seu modelo de cidade
Por Alejandro Espiño
Que o modelo urbano de Pontevedra traspasa fronteiras é unha realidade dende hai tempo. Moitos foron os premios e recoñecementos que se lograron nos últimos anos. Pero ningún ten a relevancia do que acaba de lograr a cidade. O Ministerio de Fomento comunicou ao Concello de Pontevedra a concesión do Premio Internacional de Dubái, un galardón internacional auspiciado por Nacións Unidas.
Trátase dun premio que, dende 1996, entrega a municipalidade de Dubái (Emiratos Árabes) en colaboración con ONU-Hábitat, un organismo que desenvolve programas que buscan elevar a calidade de vida das persoas promovendo pobos e cidades social e ambientalmente sostibles. Pontevedra foi recoñecida, en concreto, polas súas boas prácticas en materia de mobilidade e accesibilidade.
"Estou absolutamente orgulloso" destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ante a concesión deste recoñecemento. Un premio que chega, dixo, grazas ao "traballo de todos", entre os que citou aos responsables políticos deste modelo urbano con César Mosquera á cabeza, a todo o equipo técnico que colaborou na súa implantación e, por suposto, a toda a sociedade pontevedresa.
O premio recoñece o traballo de Pontevedra en materia de innovación, inclusión social ou calidade urbana e destaca que se trata dun modelo "transferible", é dicir, que pode ser executado noutros municipios sen ningún tipo de problema. Este galardón sitúa á cidade de Pontevedra, segundo sinalou Fernández Lores, na "cabeza de lanza" dos modelos urbanos de todo o mundo.
Tanto o alcalde coma César Mosquera fixeron fincapé en que se trata do recoñecemento máis importante que a cidade recibiu ata o momento e o primeiro ao que o propio Concello presentou directamente a súa candidatura. Este premio, explicou Mosquera, "foi unha referencia sempre" e pensar en optar sequera a el "era un soño". De aí que aseguren que "estamos emocionados" porque se trata dun recoñecemento "a nivel mundial".
A candidatura pontevedresa, centrada nos cambios experimentados nos últimos catorce anos para converter a Pontevedra nun "modelo de cidade centrado nas persoas", foi avalada por colectivos e institucións tales como a Deputación de Pontevedra, Stop Accidentes, COGAMI, Fundación Meniños, ONCE, Federación de veciños Castelao, AEMPE ou o Centro Comercial Zona Monumental.
Tras ser avalada polo Comité Hábitat Español, dependente do Ministerio de Fomento, o modelo de cidade de Pontevedra foi un dos 406 proxectos seleccionados, correspondentes a 95 países de todo o mundo, para optar a esta décima edición do Premio Internacional de Dubái. De todos eles, Pontevedra foi un dos seis premiados e o único proxecto executado en chan europeo.
O premio ten unha dotación económica de 30.000 dólares e inclúe un trofeo e un certificado de honra.
Pontevedra baseou o seu proxecto, segundo a memoria presentada, no traballo realizado para recuperar os espazos públicos para a cidadanía, fomentar a autonomía persoal, eliminar os riscos derivados do tráfico, reducir a contaminación aérea, acústica e da auga, recuperar áreas urbanas degradadas, fomentar a mobilidade non contaminante e saudable e mellorar a conexión entre a cidade, a Ría de Pontevedra e os seus ríos.
Entre as datas que se destacan nesta candidatura cítanse expresamente 1999, como o ano que se apostou pola peatonalización do centro histórico; o saneamento integral do ecosistema río/ría en 2005, a creación de diferentes sendas ciclistas e peonís en 2008, a aplicación da velocidade limitada a 30 quilómetros por hora en toda a cidade en 2010 e o premio Intermodes recibido en 2013.
A entrega deste premio terá lugar o próximo mes de decembro en Dubái.
Relacionadas:
-
Novo recoñecemento público para Pontevedra, única institución premiada polos 25 anos de Cogami
Por Natalia Puga |
-
De Moscú a Hong Kong pasando por París: catro novas citas para expoñer o modelo de cidade
Por Natalia Puga |
-
Dous días de celebración para compartir o premio ONU-Hábitat cos pontevedreses
Por Redacción |
-
Pontevedra, rumbo a Dubái para recoller o premio ONU-Hábitat ao seu modelo urbano
Por Alejandro Espiño |
-
Dubai entregará o premio ONU-Habitat a Pontevedra o próximo 24 de febreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, da Universidad Autónoma de Barcelona a toda Latinoamérica
Por Alejandro Espiño |
-
"Non me gusta que poñan paus nas rodas á planta de compost. Pero o proxecto vai para adiante de todas todas"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ramón Ledesma, 'alma mater' do carné por puntos: "El modelo de Pontevedra está cogiendo velocidad en Europa"
Por Alejandro Espiño |
-
Ciudades que caminan ve en Pontevedra o "referente que queremos exportar al resto de la red"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Moitas cidades envexan o modelo de Pontevedra, pero non se atreven a aplicalo por covardía política"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Pontevedra é unha gran cidade e toda Europa debería aprender dela"
Por Alejandro Espiño |