A negociación do orzamento municipal para 2015 avanzará de forma "importante" esta semana
Por Alejandro Espiño
BNG e PSdeG-PSOE xa se encontran en plena negociación dos presupostos municipais para 2015. Tras a recente presentación do borrador deste documento, que cifra inicialmente o presuposto en 69 millóns de euros, xa se celebraron os primeiros contactos entre os socios do goberno coaligado para consensuar as partidas que se destinarán para cada un dos conceptos.
Segundo desvelou Antón Louro, o voceiro socialista xa mantivo senllos encontros co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Prevese que esta semana ambas as dúas partes avancen notablemente na negociación dos presupostos, co obxectivo de poder aprobalos antes de que finalice este ano, é dicir, no pleno do próximo mes de decembro.
Louro adiantou que o grupo municipal socialista agarda que o presuposto para 2015 incida en políticas de fomento do emprego e que faga un "maior esforzo" no capítulo destinado aos investimentos. Asegura que tras o exitoso modelo de cidade, hai que apostar agora por un "proxecto de cidade", o que debe incluír maior investimento en obra pública para dinamizar a economía local. "Pouca foguetería e máis emprego", insistiu.
Neste sentido, o voceiro socialista afirmou ser partidario de reducir as partidas destinadas a gastos e transferencias correntes e aumentar os investimentos, cifrados inicialmente nuns 11 millóns de euros, e as políticas activas de emprego.
Pola súa banda, Raimundo González limitouse a confirmar estes contactos e que esta semana "seguiremos traballando" para que se produza un avance "importante" na negociación do presuposto municipal para 2015.
Relacionadas:
-
O PP presentará unha emenda á totalidade do proxecto de orzamentos 2015
Por Natalia Puga |
-
O PP critica que as políticas sociais seguen a ser a materia pendente do Bipartito nos orzamentos 2015
Por Redacción |
-
Acordo BNG-PSOE para os orzamentos 2015: "Son os mellores posibles", di Lores
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide ao goberno municipal unha maior transparencia na tramitación do orzamento
Por Redacción |
-
O orzamento municipal para 2015 ascenderá a 69 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |