Marín refinancia un préstamo de 1,2 millóns e aforra 217.303 euros
Por Redacción
O Concello de Marín acolleuse á posibilidade recollida na Lei 18/2014, do 15 de outubro de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia pola que o Ministerio de Facenda permite refinanciar o préstamo do Plan de Provedores.
Para poder levar a cabo a medida aprobáronse xa os pregos de condicións que rexerían esta concertación de mellores condicións para refinanciar a débeda e presentáronse cinco ofertas das entidades financeiras CaixaBank, Abanca, Banco Santander, Banco de Sabadell e Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.
A adxudicación final da operación realizouse á entidade CaixaBank S.A por un importe pendente de pagamento de 1.204.433,99 euros e xa se solicitou a autorización ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O aforro de formalizar esta operación que substituirá as existentes será de 217.303,98 euros, segundo informou o concelleiro de Urbanismo e Facenda, Manuel Santos Costa.
De todo este proceso darase conta na Comisión Informatuva de Facenda e Urbanismo convocada con carácter ordinario para este luns 1 de decembro, aínda que a competencia recae na Alcadía unha vez que se reciba autorización do Ministerio de Facenda.
Marín tivera que acollerse ao financiamento a través dunha operación de préstamo en dous pagamentos de facturas que proviñan doutros exercicios e agora concertou unha nova operación para cancelar parcial ou totalmente a débeda pendente. O obxectivo fundamental do Concello é, segundo explican, "reducir a carga financeira do concello e a súa finalidade é destinala única e exclusivamente a financiar ao cancelación parcial ou total da débeda pendente que xerou o plan de pagamento a provedores".