Adiviñanzas, descualificativos e firmas dubidosas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno celebrado no Teatro Principal de Pontevedra aprobou este mércores o presuposto municipal cos votos dos grupos que conforman o goberno local, o BNG e o PSOE e o voto en contra do PP e a concelleira non adscrita.
O primeiro pleno do ano cinguiuse ao guión previsto e ao debate faltoulle frescura e sobroulle o electoralismo que parece vai marcar a política durante este 2015.
A exposición do proxecto de presuposto municipal correu a cargo de sete concelleiros, Raimundo González, como edil responsable de Facenda e, debullando as contas por áreas falaron Anxos Riveiro (Cultura e Xardíns), Luis Bará (Patrimonio e Mobilidade), Carmen Fouces (Servizos Sociais), Demetrio Gómez (Rural), César Mosquera (Ordenación do Territorio) e Agustín Fernández, que aglutinou as tres competencias dos socialistas: Promoción Económica, Deporte e Urbanismo.
En resumo, "o mellor orzamento posible dentro do marco normativo actual", para o bipartito. "Cuidado no vayan a morir de éxito", advertiulles a edil non adscrita, María Biempica. Aínda que máis contundente foi cualificar ao documento de "bazofia", como fixo o xefe da oposición local, Jacobo Moreira "sólo traen paro y ruina".
O Partido Popular presentou unha emenda á totalidade do presuposto. Á marxe doutras consideracións políticas, esta emenda foi obxecto de numerosos chistes por parte da corporación pola "temblorosa" firma de Jacobo Moreira que rubrica o documento.
O voceiro do PSdeG, tampouco andivo polas pólas e chamou "hipócrita" a Moreira pola "dobre personalidade" que ao seu xuízo mostra no Concello e no Parlamento de Galicia "onde vota o contrario do que esixe en Pontevedra", dixo Agustín Fernández.
A adiviñanza que destaca o titular desta información tivo como autor a César Mosquera, que sen dicir onde se situará a planta de compostaxe avanzou que se encontra a "nove ou dez quilómetros" do centro urbano e "arredor de dous quilómetros de calquera vivenda", e ademais "os beneficiarios da planta o acordaron por unanimidade", engadiu. "Oro parece, plata no es. Está jugando a las adivinanzas", reprocharon dende o PP.
Aprobado o presuposto, rematou a sesión e os concelleiros volveron á conversación que interromperan ao iniciarse o Pleno: a continuidade de Luis Enrique no banco do Barça.
Relacionadas:
-
Jacobo Moreira ao PSOE: "Exigimos que rompan el pacto de gobierno o, en caso contrario, que se callen"
Por Alejandro Espiño |
-
Este mércores debátese o orzamento municipal que contempla 11,2 millóns de euros en investimentos
Por Redacción |
-
O goberno local rexeita a "ridícula" emenda á totalidade do PP aos presupostos municipais
Por Oskar Viéitez |
-
O 7 de xaneiro aprobarase o orzamento municipal para 2015
Por Redacción |
-
O PP presentará unha emenda á totalidade do proxecto de orzamentos 2015
Por Natalia Puga |
-
O PP critica que as políticas sociais seguen a ser a materia pendente do Bipartito nos orzamentos 2015
Por Redacción |