O Goberno recibirá ata o 13 de febreiro as ofertas para construír o primeiro treito da A-57
Por Redacción
A A-57 non ten "marcha atrás", aseguraba recentemente a ministra de Fomento, Ana Pastor. A súa tramitación segue en marcha e faino agora cun novo paso. O Boletín Oficial do Estado publicou a licitación do contrato das obras de construción do primeiro tramo deste novo vial, que unirá Vilaboa e A Ermida (Marcón). O Goberno prevé investir nos seus 6,56 quilómetros un total de 86,31 millóns de euros.
Trátase da primeira obra que saca a concurso este ano o Ministerio de Fomento. O seu prazo de execución está fixado en 40 meses.
O primeiro tramo desta autovía iníciase á altura do enlace da Ermida, na estrada autonómica PO-532, e finaliza nun punto co que, segundo Fomento, se propón evitar a Mámoa de San Roman-O Cruceiro.
A autovía ten proxectados dous enlaces e 15 estruturas, entre os que hai catro viadutos sobre o río Pintos, o río do Pobo, o Rego do Barco e o ferrocarril; cinco pasos superiores que resolven o paso de camiños sobre a autovía e seis pasos inferiores.
O trazado forma parte da A-57 que, segundo Fomento, será a vía de gran capacidade alternativa á estrada N-550 e xunto con outros dous tramos, "constituirá a futura circunvalación de Pontevedra". A autovía tamén dará continuidade cara ao norte á futura A-59, a vía que discorrerá dende o aeroporto de Peinador ata Pontevedra.
As empresas interesadas en construír este tramo de autovía contan con prazo para presentar as súas ofertas ata o próximo 13 de febreiro.