Queda en liberdade o detido por abrir a cabeza ao noivo da nai da súa parella
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda de Pontevedra deixou en liberdade este xoves ao mozo detido na noite destes mércores pola Policía Nacional por supostamente ter golpeado cunha barra de ferro ao noivo da nai da súa parella no transcurso dunha discusión nun piso da avenida Fernández Ladreda.
O home está imputado por un delito de lesións por unha agresión pola que a súa presunta vítima sufriu unha brecha na cabeza. pola que tivo que ser atendido no lugar dos feitos por unha ambulancia do 061 e posteriormente trasladado a un centro sanitario. Tras pasar varias horas no Hospital Montecelo, recibiu a alta na mañá deste xoves.
Segundo transcendeu, a ferida que recibiu cando o detido supostamente lle golpeou cunha barra de ferro na cabeza resultou ser de menor entidade do que parecía nos primeiros momentos do incidente, pero aínda necesitará varios días máis para a súa curación total.
Fontes policiais indicaron que os catro implicados na pelexa foron interrogados este xoves na Comisaría Provincial. O detido negouse a declarar ante os axentes instrutores do atestado policial, pero si falaron os outros tres. Segundo transcendeu, a agresión produciuse no transcurso dunha discusión nun domicilio da avenida Fernández Ladreda na que se viron implicados unha nai, a súa filla e os compañeiros sentimentais de ambas as dúas.
A discusión tivo a súa orixe, segundo se desprende das declaracións dos implicados, no uso dun coche. Segundo transcendeu, a nai e a súa parella mostraron a súa desconformidade polo feito de que a parella da filla conduza o vehículo, iniciouse un enfrontamento verbal, os ánimos fóronse quentando e todo rematou nunha pelexa cun ferido.