Ravachol, Valle Inclán e o Fiel Contraste aparecen "amordazados"
Por Redacción
A organización política xuvenil Isca! realizou unha acción simbólica de denuncia contra a Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como "Lei Mordaza".
Segundo explican dende este grupo de ideoloxía independentista, o obxectivo de silenciar diversas estatuas da cidade é "mostrar á sociedade o que quere construír o Partido Popular, unha sociedade sumisa e sen fala, vulnerando por decreto as liberdades que tanto esforzo e décadas de loita custou conquistar".
Deste xeito o loro Ravachol, símbolo do entroido local, as estatuas da Fonte dos Nenos, os tertulianos da Praza de San José, Valle Inclán, as galiñas fronte o Mercado de Abastos ou o conxunto do 'fiel contraste', foron amordazados e xunto a eles colocaron un cartaz contra os cambios normativos.
Nun comunicado, a asociación critica a lei por "limitar as expresións dun pobo canso de tanta agresión en forma de perda de dereitos laborais e sociais, empobrecemento e de medidas de control ditatorial".
Por todo isto en Isca! teñen o empeño de "continuar a loitar en clave revolucionaria e de clase contra estas políticas ditatoriais".