Acusan o Concello de Marín de amparar a "impunidade" coa que traballan certos taxistas do municipio
Por Redacción
O Concello de Marín está a consentir, segundo denuncia a Asociación de Autopatronos de Taxis Rías Baixas, a "competencia desleal" que supón a "impunidade" coa que están a traballar certos taxistas do municipio. Aseguran que levan máis dun ano agardando que, por parte do goberno municipal, se solucionen os problemas que veñen denunciando, unha situación que non se resolveu coa "simple instalación" de taxímetros nos vehículos.
Esta asociación ven denunciando desde hai un ano unha serie de irregularidades que se están a cometer no servizo de taxis de Marín. Aseguran, entre outras cousas, que se incumpre a saída por orde, que se cobran tarifas inferiores ás autorizadas, fanse paradas en lugares non autorizados, faise promoción individual de números privados para a prestación do servizo ou se transportan mercadorías en remolque, algo que non permite a normativa.
Ademais, aseguran que se fixeron unha serie de propostas para mellorar o servizo como a creación dunha parada de taxis en Seixo "dado que é un núcleo urbano amplo", que se habilite unha parada no mercado de Marín os xoves e os sábados ou que se cumpran as gardas nocturnas "xa que agora non contamos con servizo de ambulancias nocturnas, sendo os taxis do concello a única alternativa de traslado de noite a un centro hospitalario".
Con todo, denuncian que o Concello de Marín ignorou as súas demandas e que os problemas non se solucionaron coa instalación dos taxímetros, que son obrigatorios por lei desde o pasado 14 de xullo.
Aseguran que hai taxistas que prestan servizo co taxímetro apagado, cobrando tarifas superiores ou inferiores ás autorizadas a fin de captar clientes para os seus teléfonos privados; que acenden o taxímetro antes de que o cliente suba ao taxi; que apenas prestan axuda aos usuarios á hora de cargar e descargar a equipaxe; ou que elixen un itinerario máis longo para cobrarlle máis aos seus clientes.
"A impunidade coa que se cren estes infractores lévaos incluso a afirmar publicamente que para dous anos que lle quedan para xubilarse non pensan utilizar o taxímetro, e que despois de corenta anos de traballar sen lei, ninguén lles di o que poden ou non poden facer", afirman desde a asociación, que recordan que as tarifas son aprobadas pola Xunta de Galicia, a proposta do Concello, e son de obrigado cumprimento para todos os profesionais.
Ademais de apelar ao goberno municipal para que free estas irregularidades, os membros deste colectivo tamén fan un chamamento aos veciños de Marín para que non apoien esta competencia desleal e que denuncien no Concello se detectan algunha das cuestións que están a sinalar publicamente porque "nos causan un gran dano económico ao resto de taxistas do concello".
Relacionadas:
-
Marín estrea o servizo de Radiotaxi
Por Redacción |
-
As prazas de Seixo e Marín recuperan as súas paradas de taxi
Por Redacción |
-
Os taxistas de Marín xa instalaron os taxímetros pero continúan sen tarifa de contador
Por Redacción |
-
Os taxistas de Marín instan o Concello a que controle a competencia desleal que sofren
Por Redacción |