'Salvemos a Fracha' reprocha a Ana Pastor que "non ten ningún respecto" cara aos afectados pola A-57

Por Redacción
"En relación coa información solicitada, indícase que o Goberno analiza as necesidades e a rendibilidade tanto económica coma social das súas actuacións para a elaboración da súa planificación a curto, medio e longo prazo. Na devandita análise tamén se teñen en conta tanto a existencia das autoestradas de peaxe coma as disponibilidades presupostarias". Esta foi a resposta do Ministerio de Fomento á pregunta presentada no Congreso dos Deputados polo parlamentario de Esquerda Plural Joan Coscubiela en relación coa A-57. O seu contido espertou o xoves as críticas de Espazo Ecosocialista, partido que promoveu a pregunta, e agora tamén da plataforma 'Salvemos a Fracha', constituída por cidadáns contrarios ao proxecto da nova autovía.
A plataforma critica a resposta e considera que con ela a ministra, Ana Pastor, "está a demostrar que despreza e ignora os veciños afectados" e que "goberna completamente afastada da sociedade" e "non ten ningún respecto ás peticións realizadas polos veciños de Pontevedra e Vilaboa e os grupos sociais e políticos que se opoñen á autovía".
Critica que a ministra "goberna completamente afastada da sociedade"
Ante esta resposta, pide a Fomento que faga públicos os estudos de necesidades e rendibilidade que elaboraron para seguir adiante co proxecto da A-57 e cales son os argumentos sólidos e serios que encontrou para apoiar unha autovía que terá un prezo final de ao redor de 1.000 millóns de euros e ningunha vantaxe para os veciños da zona pola que pasa.
Reprochan, ademais, ao ministerio, que asegure que tivo en conta a existencia de autoestradas de peaxe cando, por lóxica, se chega a rematar todo o trazado da A-57, esta restará tráfico á autoestrada AP-9 e fai prever un necesario rescate desta.
A plataforma lamenta que na súa resposta o Ministerio ignorase as alegacións presentadas por distintos colectivos ao Estudo de Impacto Ambiental e que non obtiveron resposta na Declaración de Impacto Ambiental do primeiro tramo aprobada con nocturnidade e aleivosía agosto. Recórdalle, ao respecto, que hai unha grave afección ao Camiño de Santiago no macro nó proxectado en Vilaboa que non se incluíu nese Estudo Ambiental e que constitúe, polo tanto, unha das irregularidades denunciadas na vía contencioso-administrativa.
'Salvemos a Fracha' insiste en que por esta nova autovía ten un forte rexeitamento veciñal en fronte e o primeiro tramo entre Vilaboa e A Hermida, en Marcón, -o único xa licitado- está recorrido no xulgado.
Relacionadas:
-
20.000 sinaturas piden a Fomento que paralice a autovía A-57
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' volve pedir unha reunión con Ana Pastor e Lores tras o anuncio "oportunista" sobre a A-57
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' lembra a Ana Pastor que "aínda se pode repensar" o proxecto da A-57
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' promove o debate sobre a A-57 e os atentados á integridade do rural
Por Redacción |
-
Fomento abre o prazo para recorrer medioambientalmente o trazado da A-57
Por Oskar Viéitez |
-
Espazo Ecosocialista ve unha burla na resposta de Fomento sobre a A-57 ao seu paso pola Fracha
Por Redacción |
-
O recurso xudicial contra a autovía A-57 presentarase nunha semana
Por Redacción |
-
O Consello de Ministros autoriza contratar as obras da A-57
Por Redacción |
-
15.000 sinaturas piden ó Ministerio de Fomento que free a construción da A-57
Por Redacción |
-
'Salvemos a Fracha' recada fondos para pagar a vía xudicial contra a A-57
Por Redacción |