42 novos estudantes estranxeiros aterran no Campus de Pontevedra
Por Redacción
Este luns tivo lugar no Campus de Pontevedra o acto de benvida dos estudantes internacionais do segundo cuadrimestre, un total de 42, que se suman aos 33 do primeiro cuadrimestre e os 13 que alongan a súa estadía durante todo o curso.
O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, destaca que os 557 estudantes estranxeiros deste curso marcan un máximo histórico na Universidade de Vigo.
A oferta académica, a posibilidade de aprender castelán e o encanto dunha cidade como Pontevedra son algúns dos motivos máis reiterados polos alumnos estranxeiros que escolleron o Campus da cidade do Lérez.
Destes 88 alumnos, 47 elixiron a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, mentres que outros 26 acoden a Belas Artes, os dous centros do campus con maior alumnado internacional neste curso.
No primeiro deles formaranse durante os próximos meses os nicaraguanos Alan Britton e Fernando Barquero, grazas ao o atractivo do plan de estudos, que lles fixo decantarse por esta facultade, coa idea de sumar outro punto de vista a súa formación como comunicadores. A ese mesmo centro chega tamén a eslovena Maruza Mlekuz, quen admite que tiña moitas ganas de vir estudar a España. Mais o seu desexo non era o de retornar ás cidades máis turísticas, como Barcelona ou Madrid, senón atopar un lugar algo menos coñecido e diferente que, ademais, estivese preto do mar. Foi así como soubo de Pontevedra, unha cidade moi acolledora, como tamén destaca a francesa Sandy Bajazet, quen tamén quere aproveitar a súa estancia no campus para mellorar o castelán, que estudei desde a escola.
México, con 21, e Brasil, con 11, son os dous países que máis alumnos estranxeiros achegan ao campus no presente curso grazas aos diferentes programas de mobilidade e o convenio de dobre titulación subscrito coa Universidade de Sao Paulo para Dirección e Xestión Pública. Cursarán este grao Constanza Abdalla e Sofía Faria, dúas brasileiras que sumaron as súas gañas de aprender un idioma e coñecer unha cultura, o interese que lles suscitou a parte práctica da formación, xa que alí é todo máis teórico e o encanto dunha cidade tranquila, que é xusto o oposto a Sao Paulo.
Relacionadas:
-
Quince estudantes brasileiros fórmanse este curso no Campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Case 4.000 alumnos cursan este ano os seus estudos no campus universitario de Pontevedra
Por Redacción |
-
Quen non quere unha aperta 'de balde'?
Por Oskar Viéitez |
-
O Campus recibe neste primeiro cuadrimestre a 50 alumnos de 14 nacionalidades
Por Redacción |