Detidos por roubar 6.000 euros en xoias dun domicilio ao que entraron por unha fiestra aberta
Por Redacción
Dous veciños de Pontevedra de 30 e 26 anos foron detidos como supostos autores dun delito de furto por presuntamente levar xoias valoradas en 6.000 euros dunha casa á que terían entrado a través dunha fiestra que estaba aberta.
Segundo informou a Policía Nacional, ambos os dous individuos, un home e unha muller, teñen antecedentes policiais e foron detidos e postos a disposición xudicial. En canto ás xoias presuntamente roubadas, os propietarios xa puideron recuperar unha parte porque foran presuntamente vendidas nun establecemento de compravenda de artigos de segunda man. Outra parte dos efectos non puideron ser recuperados porque xa foran enviados a fundir.
Un veciño de Pontevedra denunciou o 26 de decembro que ao entrar no domicilio se decatara de que alguén accedera ao interior a través dunha das ventás que se encontraban abertas e subtraera un xoieiro nun dos cuartos.
A raíz da denuncia, os investigadores iniciaron as xestións pertinentes para tratar de determinar a identidade do presunto autor da subtracción das xoias e comprobaron que as dúas persoas agora detidas venderan as xoias presuntamente roubadas nun establecemento de Pontevedra.
Froito das investigacións realizadas, a Policía puido concluír que os detidos subtraeran do domicilio do denunciante e vendido unha escrava de ouro, un par de pendentes, unha pulseira de ouro, dúas sortellas de ouro e unha cadea de ouro. Os propietarios acudiron este luns 19 de xaneiro á Comisaría, viron as fotos dalgunhas das xoias e recoñecéronas, de modo que as recuperaron.