Pontevedra e Poio negociarán o xoves os seus lindes, sen apenas posibilidades de chegar a acordo
Por Alejandro Espiño
A disputa dos lindes entre Pontevedra e Poio é un trámite administrativo e non un "conflito entre concellos". O concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, insiste en asegurar que non hai enfrontamento ningún co concello veciño, pero o certo é que ningún dos dous parece disposto a ceder nin un metro do terreo que, segundo defenden cada un nas súas respectivas propostas, lles corresponde.
Ambas as dúas partes reuniranse, por mediación da Xunta, este xoves 5 de febreiro ás dez da mañá no Concello de Poio. No devandito encontro, Pontevedra defenderá a mesma postura que mantivo no encontro bilateral que se celebrou en marzo de 2013. ÿ dicir, deben rexer os lindes marcados no ano 1938, que deixa do lado capitalino a vella cementeira da Barca, a comandancia da Garda Civil, o parque de Bombeiros e a Xunqueira de Alba.
Así se reiterou este martes na reunión da comisión municipal de deslindes, formado por técnicos do Concello de Pontevedra e os voceiros dos tres partidos con representación na corporación.
Pola súa banda, Poio defende o deslinde establecido en 1889 e que sitúa a fronteira entre ambos os dous concellos na desembocadura do río Rons, polo que os espazos citados, xunto coa Ponte das Correntes, lles pertencen. Se ben, Luciano Sobral afirmaba este luns que eles estarían dispostos a que o límite entre os dous municipios se situase na nova infraestrutura, mantendo Pontevedra a súa titularidade.
O resto da disputa de lindes, outras 20 hectáreas máis, sería na zona norte deste límite, na súa maior parte monte comunal de San Salvador de Poio, San Xoan de Poio e Campañó. En toda esta área apenas hai conflito, xa que a coincidencia é case total. "Alí será máis doado porque se conservan os marcos", segundo Legísima. Entre os 200 afectados particulares, veríanse afectadas como máximo tres construcións. O resto son terreos rústicos e monte comunal.
Así as cousas, todo apunta a que terá que mediar no asunto o Instituto Xeográfico Nacional. De non haber acordo entre Poio e Pontevedra este organismo terá que emitir un ditame oficial e este, posteriormente, será remitido á Xunta de Galicia. Será o goberno autonómico o que debe resolver este asunto e, a partir de aí, as partes poderán adoptar as decisións que, coa lei na man, teñan en materia xudicial.
Trátase, en todo caso, dun asunto que podería tardar en resolverse. Vicente García Legísima recordou que a Xunta aínda non ditaminou sobre os lindes entre Pontevedra e Marín, a pesar de contar co informe do Instituto Xeográfico Nacional "dende hai moito tempo". Mesmo o concello capitalino requiriu de novo unha resolución hai xa uns tres anos e por agora non hai resposta da institución autonómica.
Relacionadas:
-
Pontevedra pedirá aclaracións ao informe do Instituto Xeográfico sobre os lindes con Poio
Por Redacción |
-
O PP toma posesión dos terreos da Xunqueira de Alba e reclama o servizo dos Bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
O conflito dos lindes con Pontevedra, próximo a resolverse en favor de Poio
Por Alejandro Espiño |
-
TSXG dá a razón aos comuneiros de San Salvador de Poio e anula un deslinde de 2009
Por Redacción |
-
A reunión polos lindes entre Pontevedra e Poio crea enfrontamentos con Barro e Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Poio propón que a Ponte das Correntes se tome como linde con Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Poio sae á rúa para esixir a Pontevedra "que aclaren dunha vez por todas" que deslinde propoñen
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra e Poio non se poñen de acordo no deslinde e será a Xunta quen decida
Por Alejandro Espiño |