Máster class benéfica de zumba en Ponte Caldelas
Por Redacción
O pavillón municipal de Ponte Caldelas converteuse en escenario para o espectáculo da máster class benéfica de zumba, promovido polo ximnasio Xparta e que aglutinou un éxito de participación e público o cal tivo que entregar, como entrada, un quilo de alimento non perecedoiro con destino a familias en situación de emerxencia social.
O ximnasio Xparta de Ponte Caldelas, promotores da actividade, destacou a importancia do evento dende o punto de vista lúdico xa que contou coa presenza dos principais instrutores desta disciplina deportivo-musical das provincias de Pontevedra e A Coruña ao tempo que o espectáculo axudou a fomentar a práctica deportiva dos asistentes.
Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, agradeceu aos promotores deste evento o seu sentido solidario e o feito de que pensasen neste municipio para desenvolver esta actividade, ao tempo que se referiu ao referente que está a supoñer ultimamente o pavillón municipal de deportes na comarca "onde en poucos meses foi o escenario escollido para celebrar unha exhibición provincial, multitudinaria, de taekwondo, outra de ximnasia rítmica, acrobática e trampolín ou como espazo de uso versátil ao albergar con éxito a Feira de Oportunidades do Verdugo organizada pola Asociación de Comerciantes, Coempo".
Perfecto Rodríguez tamén animou a colectivos, asociacións e persoas a título individual a usar, con orde e previa solicitude, as instalacións deportivas das que dispón o municipio que, tendo ao pavillón como buque insignia, tamén dispón de pistas de tenis de uso gratuíto en Chan da Barcia ou xunto ao parque industrial da Reigosa, así como toda unha serie de parques biosaudables instalados nos principais núcleos rurais.