A Policía Local de Pontevedra sanciona un taxista que conducía mentres usaba o móbil e tiña a licenza caducada
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno local do Concello de Pontevedra acordou este luns a apertura dun expediente sancionador a un taxista, que segundo a Policía Local, o pasado 20 de novembro, foi sorprendido falando polo teléfono móbil mentres conducía.
Segundo explicou o voceiro do goberno local, Raimundo González, cando os axentes procederon a darlle o alto para poñerlle a multa comprobaron que o vehículo non tiña pasada a ITV, e que cando lle foi requirida a licenza de transporte do taxi a tiña caducada dende o ano 2009 e estaba expedida para un coche distinto ao que conducía.
O goberno local iniciará o procedemento sancionador do que sera instrutor o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima.
Non foi o único asunto relacionado cos taxistas que abordou este luns a xunta de goberno. Os concelleiros tamén abriron expediente a outro autopatrón sorprendido pola Policía Local mentres realizaba un servizo irregular.
Segundo informou o voceiro do goberno local, Raimundo González, o sancionado é un taxista de Marín que o pasado 11 de setembro, ás 10.40 horas, foi sorprendido mentres realizaba un servizo con saída e chegada en Pontevedra. Curiosamente este home xa fora sancionado no mes de xaneiro polo Concello de Pontevedra con 1.401 euros por este mesmo motivo, é dicir, por realizar tres traballos na capital sen dispoñer de licenza para iso.