Tráfico inicia unha campaña intensiva de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil
Por Redacción
Continúan as campañas especiais por parte da Dirección Xeral de Tráfico (DGT). Dende este luns, o obxectivo destes controis intensivos nas estradas pontevedresas será comprobar o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil. Os axentes da Garda Civil vixiarán con especial coidado estes elementos ata o próximo domingo 15 de marzo.
En concreto, intensificaranse os controis para comprobar que tanto o condutor coma os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Comprobarán, de igual modo, que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil axeitados á súa estatura, peso e idade.
O incumprimento desta norma está tipificado como infracción grave, e sanciónase con multa de 200 euros e perda de tres puntos no caso dos condutores.
O uso de sistemas de retención homologados -cinto de seguridade e sistemas de retención infantil- veuse demostrando, recordan dende a Delegación do Goberno, como o sistema de seguridade vial máis sinxelo e eficaz en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o airbag poida ser eficaz.
A DGT estima que o uso de cinto de seguridade reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. No ano 2013, un 22% dos usuarios de turismos e furgonetas falecidos en sinistros en vías interurbanas non utilizaban o cinto de seguridade. En zona urbana esta porcentaxe elévase ao 28%.
No caso dos sistemas de retención infantil, a DGT calcula que o 43% dos menores viaxa incorrectamente con estes sistemas. Un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves.
CAMPAÿA ANTERIOR EN GALICIA
Na campaña específica de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil desenvolvida do 10 ao 16 de marzo de 2014 en Galicia, controláronse máis de 39.000 vehículos e formuláronse 488 denuncias, 470 por viaxar adultos sen cinto de seguridade e 18 por levar nenos sen o sistema de retención axeitado.