Esixen que continúen as arbitraxes das preferentes "ata que o último estafado recupere os aforros"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A Plataforma de Afectados polas preferentes en Marín-Pontevedra protagonizaron hoxe un peche no salón de plenos da casa Consitorial de Marín "para reclamar unha vez máis a devolución, por parte de NGB, dos aforros secuestrados aos seus clientes a través das obrigacións subordinadas e participacións preferentes".
"As persoas que estamos hoxe aquí somos aforradoras, non hai entre nós investidores nin especuladores, só persoas estafadas por unha Caixa de aforros, agora banco, na que depositaramos toda a nosa confianza, confianza pisoteada polos intereses de banqueiros sen escrúpulos aos que nada importou meter a man no peto de aforradores, pensionistas, diminuídos, enfermos, nenos, anciáns ou analfabetos", leron nun comunicado.
"Esiximos que as arbritraxes continúen ata que o último dos estafados recupere os seus aforros"
Estes afectados aseguran ser "victimas dunha estafa, sábeno os políticos, os banqueiros e toda a cidadanía, por iso non entendemos como é posible que a día de hoxe non nos devolveran o diñeiro a todos".
Hoxe puxeron o especial acento ao proceso arbitral, que parecía que ía ser a solución para todos os afectados, "non esta sendo nin tan rápido nin tan eficaz como se anunciou e ademais non temos a certeza de que se vaia a prolongar no tempo o suficiente como para solucionarlle o problema a todos os afectados, é por iso que esiximos que estes continúen ata que o último dos estafados recupere os seus aforros ".
Finalmente pediron á Xunta a súa colaboración e compromiso na resolución deste problema e esixiron ao Goberno galego que "vele polos intereses e o benestar de todos nós, que traballe sen descanso ata que non haxa nin un só afectado na rúa suxeitando unha pancarta".