2,5 millones de euros para rehabilitar xacementos arqueolóxicos en 15 concellos pontevedreses
Por Alejandro Espiño
Quince concellos pontevedreses uniranse, coordinados pola Deputación de Pontevedra, para pór en valor o seu patrimonio arqueolóxico. Farano baixo o denominado Programa Provincial Integral para o aproveitamento turístico dos Xacementos Galaico-Romanos, unha iniciativa coa que a institución provincial pretende converter estes xacementos "nun recurso turístico de primeiro orde".
Segundo anunciou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, investiranse 2,5 millóns de euros na limpeza, sinalización, musealización e outras actuacións para mellorar o estado deste patrimonio arqueolóxico, especialmente importante na provincia de Pontevedra. "Somos unha das provincias do noroeste español con maior riqueza neste ámbito e é un momento moi oportuno para poñer en valor este patrimonio".
Neste sentido, Louzán explicou que "na mesma liña na que estivemos traballando coa restauración ou os hoteleiros, abrimos un novo campo co que melloraremos ou aspecto de lugares que son santo e seña da nosa historia e que tanta admiración teñen por parte dos nosos visitantes". Trátase pois dunha actuación "inmediata", na que tamén colaborará a Xunta de Galicia.
Nesta primeira fase do programa, os concellos de Cotobade, Cuntis, Ribadumia, O Grove, Valga, Pontevedra, As Neves, Vigo, Cangas, Ponteareas, Mos, A Guarda, Marín, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa son os que formarán parte desta iniciativa. Son, dixo o presidente da Deputación, "os máis importantes neste ámbito e os que teñen iniciado un traballo de recuperación dos xacementos".
O obxectivo é completar, en apenas uns meses, a rehabilitación destes parques arqueolóxicos, "zonas ao aire libre que a verdade gustaríanos que estivesen mellor do que están en canto a limpeza e conservación", recoñeceu Rafael Louzán. "Cremos que é un recurso moi potente para complementar a oferta turística da provincia. Se lle damos valor a algo que non etéreo e que procede da nosa propia historia, estaremos facendo o que debemos".