A Deputación recorre ao 1% cultural para financiar a recuperación de 16 castros pontevedreses
Por Alejandro Espiño
O proxecto de recuperación e aproveitamento dos castros e recursos galaico-romanos da provincia de Pontevedra será moito máis ambicioso do plantexado inicialmente. A Deputación quere apostar pola escavación, recuperación e recreación en 3D dos xacementos. Con ese espírito, presentou este plan ante o Ministerio de Fomento coa finalidade de que esta entidade aporte, con cargo ao 1% de interese cultural das contratacións públicas, a financiación precisa.
En rolda de prensa, Rafael Louzán sinalou que esa segunda fase suporía un investimento de varios millóns de euros e confiou, en base a conversas mantidas coa ministra Ana Pastor, que o proxecto poida materializarse entre os anos 2014 e 2015. "ÿ un proxecto moi ambicioso porque é un recurso turístico que forma parte da nosa historia", sinalou o presidente provincial. "Estou convencido de que haberá boas novas".
Suporá, dixo Louzán, "novos traballos de escavación para poñer en valor os xacementos e melloralos". Neste sentido, o presidente da Deputación afirmou que de cara as opcións deste proxecto dentro do programa do 1% cultural "é importante destacar que este é unha actuación global na provincia de Pontevedra" e subliñou que están representadas "todas as comarcas pontevedresas".
O plan centrarase inicialmente en 16 castros visitables de Castrolandín (Cuntis), Altamira (As Neves), Cruz do Castro (Cotobade), Castro Alobre (Vilagarcía), Adro Vello (O Grove) Monte Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo) Castro da Cividá (Marín), As Croas (Pontevedra), Monte Facho (Cangas), Castro da Punta do Muiño do Vento e Castro de Vigo (Vigo), A Troña (Ponteareas), Castro de Torroso (Mos), Alto dos Cubos (Tui), Santa Trega (A Guarda) e Igrexa Vella de (Valga).
A PRIMEIRA FASE, XA EN MARCHA
A primeira fase deste Plan Provincial para o aproveitamento turístico dos castros e dos recursos galaico-romanos, financiada pola Deputación, iniciouse con sendas actuacións no Monte Santa Trega (A Guarda) e no Monte Facho (Cangas). En ambos xacementos traballan 18 persoas, baixo a supervisión dun arqueólogo provincial, na limpeza dos accesos e no acondicionamento dos respectivos contornos.
As seguintes actuacións deste Plan serán no Castro de Troña (Ponteareas) e Igrexa Vella (Valga) e logo interviráse no resto dos castros incluidos no proxecto. En total, investiranse 2,5 millóns de euros, en colaboración coa Xunta e os concellos, na limpeza, mantemento, sinalización, difusión, escavación, musealización e dixitalización destes 16 xacementos arqueolóxicos da provincia.