Santos Héctor critica o oportunismo electoral das obras da Deputación
Por Redacción
Os socialistas de Pontevedra xa teñen designadas a práctica totalidade das candidaturas as eleccións municipais do 24 de maio na provincia. Quedaron decididas no comité provincial celebrado este sábado na capital, no que o secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia, Santos Héctor, arremeteu contra o presidente do PP e da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, por "estar usando o orzamento desta institución para lograr un exército de interventores para as eleccións".
Segundo recolle o PSdeG nun comunicado, o secretario xeral asegurou que Louzán non executou o orzamento nos últimos catros anos "e agora pretende incorporar 120 millóns de euros de remanentes para facer obras e contratar desempregados nos meses antes das eleccións". Criticou que acabe de incorporar 18 millóns ao plan de obras e servizos que xunto aos 12 iniciais que contaba suman 30 millóns de euros que vai ser imposible executar nos próximos meses.
O líder dos socialistas pontevedreses animou os candidatos a explicar ante os seus veciños que o PP limitou as competencias dos concellos coa chamada lei Montoro , recortou as prestacións por desemprego, implantou o copago farmacéutico e case deixou sen efecto a lei de Dependencia.
Fronte a esta política, defendeu as listas socialistas ás eleccións de maio por estar compostas por "xente seria, fiable e con ganas de traballar para a cidadanía e a usar os concellos como un garante do estado do benestar e non como fai a dereita no seu beneficio propio".
No comité provincial estiveron presentes e foron refrendados , entre outros, os seguintes candidatos de Ponteveda e as comarcas veciñas: José Luis Poceiro (Vilaboa), Enrique Vaqueiro (A Lama), José Sanmartin (Barro), Andrés Díaz (Ponte Caldelas), Icía García (Meaño), José Cacabelos (O Grove), Carlos Iglesias (A Illa), Chelo Besada (Poio) e Agustín Fernández (Pontevedra).